Freire participa nunha xornada técnica sobre as vantaxes do autogás
O Concello da Coruña e Repsol celebraron unha xornada técnica dirixida aos profesionais do taxi na cidade para informar das vantaxes ambientais e económicas do autogás, o combustible alternativo máis utilizado do mundo e que é un 20% menos contaminante respecto aos combustibles convencionais e con baixas emisións de óxido de nitróxeno e CO2.
Dentro dun convenio subscrito entre ambas as dúas entidades, a Primeira Xornada Técnica de Autogás 2013 (GLP Automoción) que se celebrou en Palexco estivo presidida pola concelleira de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público, Begoña Freire, quen destacou as medidas impulsadas dende o Concello para fomentar o uso de vehículos con combustibles alternativos:
a) Subvencións á implantación, adquisición, adaptación ou cambio de vehículos de combustible alternativo dentro do sector do taxi: vehículos híbridos, híbridos enchufables, GLP, gas natural, eléctricos e demais vehículos con combustibles alternativos que presten os seus servizos dentro do termo municipal da Coruña, por importes que van dende os 2.950 euros para os vehículos eléctricos e híbridos enchufables aos 2.000 para os vehículos híbridos, GLP, gas natural e outros combustibles alternativos.
b) Bonificacións no Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica:
– Se se trata de vehículos híbridos que estean homologados de fábrica, incorporando dispositivos catalizadores, axeitados á súa clase e modelo, que minimicen as emisións contaminantes, os propietarios gozarán dunha bonificación do 75% na cota do imposto durante seis anos naturais dende a súa primeira matriculación.
– Se se trata de vehículos novos sen matricular clasificados como turismos de motor gasolina ou diesel, cuxa marca e modelo se inclúan entre os vehículos máis eficientes con cualificación de Eficiencia Enerxética A) -nos termos do Real Decreto 837/2002, do 2 de agosto-, gozarán dunha bonificación do 75% na cota do imposto no ano da primeira matriculación e do 50% no segundo, terceiro e cuarto ano.
– Se se trata de vehículos de motor eléctrico e/ou emisións nulas, gozarán dunha bonificación do 50% da cota con carácter indefinido, en tanto manteñan as circunstancias de motor e emisións sinaladas. No caso de vehículos cuxos titulares acrediten a súa dedicación a unha actividade económica e que o vehículo estea adscrito a esta, esta bonificación será do 75%.
– Se se trata de vehículos que utilicen como combustible biogás, gas natural comprimido, metano, metanol, hidróxeno e GLP ou mixtos GLP-gasolina en motores de ciclo OTTO, tanto implantados de fábrica como posteriormente, sempre certificando a súa implantación por organismos ou empresas homologadas para o devandito fin, os propietarios gozarán dunha bonificación do 50% na cota en tanto utilicen os combustibles citados. No caso de vehículos cuxos titulares acrediten a súa dedicación a unha actividade económica e que os vehículos estean adscritos a esta, este desconto será do 75%.
c) Posta en marcha dun proceso de transformación de cinco vehículos municipais a GLP que levará a cabo Repsol no marco do convenio asinado en setembro de 2011.
Nesta xornada, ademais, o director territorial de GLP de Repsol en Galicia, César Joral, informou do desenvolvemento crecente deste combustible alternativo en Galicia, onde xa circulan na actualidade uns 500 vehículos con autogás e onde se prevé alcanzar os 5.000 vehículos para o ano 2015.
Repsol prevé contar en 2015 con 29 gasolineiras con subministración pública de GLP de automoción en Galicia. Na actualidade dispón de sete gasolineiras, das que dous se encontran na cidade da Coruña: na avenida do Exército e en Alfonso Molina.