Frades acomete un completo bacheo e desbroces nas pistas municipais

Un dos acondicionamento viario
O Concello de Frades está a acometer un completo programa de bacheo e desbroces na súa rede de pistas municipais e que complementan aos traballos iniciados dentro do Plan DTC 94 da Deputación Provincial da Coruña, que supoñen un investimento de case 145.000 euros. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que “entre os traballos que estamos a levar a cabo dende o Concello, sumado ás obras do PEIM e do DTC 94, poderemos bachear e desbrozar todas as pistas municipais”. Unha cuestión que en Frades é especialmente significativa xa que, ao ter todo o seu territorio concentrado, dispón dunha rede de pistas municipais de 560 quilómetros.
Así, o Plan DTC 94 permitiu nas últimas semanas a mellora da rede viaria das parroquias de Galegos, Mesos e Moar, onde se investiron 48.800 euros en actuacións de conservación e reparación con zahorra das pistas entre A Cerqueira e Regueiro Branco, así como a estrada entre Pazos e Reboredo (Galegos); o vial que une A Filgueira con Os Canedos (Mesos); e a vía entre O Seixo e Fonte Santaia, así como a pista que une Casas Novas de Queirís con As Hortas (Moar).
Ademais, investíronse outros 40.800 euros en obras de conservación con aglomerado na pista que une Prado (Papucín) coa AC-524 ao seu paso por Abellá. Finalmente, o Concello de Frades investiu outros 55.000 euros na conservación da rede viaria das parroquias de Céltigos, Aiazo, Frades e Papucín. Unhas actuacións acometidas no vial entre Céltigos e Campoduro, na estrada entre Fonsá e a área recreativa de Aiazo, no vial entre San Martiño (Frades) e A Baiuca (Papucín) e nos accesos a Quintá e en O Prado (Papucín).











