publicidade hoxe

A reorganización da Policía Local na Coruña permitiu incrementar nun 30% os efectivos en tarefas operativas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocalLocal Portada
A-
A+

O tenente de alcalde de Seguridade Ciudadana, Julio Flores, presentou a Memoria anual da Policía Local correspondente ao ano 2012. “A reorganización da Policía Local levada a cabo o pasado ano permitiu incrementar nun 30% os efectivos destinados a tarefas operativas”, indicou, e continuou: “O aumento da presenza policial na rúa logrado co despregamento da Policía de Barrio permitiu aumentar o control das infraccións de ordenanzas nun 2,27% e que o seu labor preventivo lograse que as chamadas ao 092 diminúan nun 13%. Tamén hai que destacar que o incremento das medidas de prevención da Unidade de Tráfico logrou a diminución nun 6,5% do número de accidentes”.

Flores recordou que 2012 comezou co dispositivo de rescate no Orzán dos tres policías nacionais e do novo estudante eslovaco. “Toda a quenda de noite esa fatídica xornada e toda a Policía Local nos días seguintes deron un exemplo de entrega máis alá do esixible no cumprimento do deber, polo que quero publicamente reiterar a gratitude polo traballo realizado en nome de todos os coruñeses”, destacou o concelleiro.

POLICÍA DE BARRIO

Flores recordou que a partir de marzo de 2012 se iniciou o despregamento paulatino da nova Unidade de Distritos con patrullas a pé, en moto e en vehículos radiopatrullas. “A reestruturación funcional e a incorporación de novos policías permitiu poñer en marcha a Policía de Barrio, que se despregou en función do estudo socio-policial elaborado pola Xunta Local de Seguridade, incluído no primeiro Plan Local de Seguridade da historia da cidade”, sinalou o tenente de alcalde, quen engadiu: “Na actualidade o 58% dos efectivos -211 policías locais- forman parte das Unidade de Distritos, o que permitiu incrementar nun 66% a media de policías que prestan servizo nos barrios e nun 52% o número de patrullas realizadas no seu primeiro ano de actividade”.

O concelleiro indicou que a Policía de Barrio cobre nestes momentos todos os barrios con patrullas a pé, en moto ou en coches radiopatrullas. “Pasamos de ter unha media diaria de 50 policías en 2011 prestando servizo cada día nos barrios da cidade a 83 policías cada día da semana no primeiro trimestre de 2013”, informou Flores, e continuou: “Púidose incrementar nun 20% o número de patrullas en coche, nun 21% as realizadas en moto e nun 155% as patrullas a pé en 16 barrios da cidade no seu primeiro ano de actividade; e o obxectivo para 2013 é cubrir 5 barrios máis con patrullas a pé”.

Flores indicou que este despregamento incrementou nun 21% os informes nos que se recollen as propostas, iniciativas e incidencias encontradas en cada barrio que serven para aumentar as medidas de prevención, o que orixinou que diminuísen nun 23% o número de denuncias por infraccións.

Ademais, púxose en marcha do Programa de Policía Comunitaria, co obxectivo de establecer canles directas de comunicación entre os colectivos cidadáns e os mandos policiais. “Durante 2012 mantivéronse 17 reunións dos mandos da Policía Local con representantes de asociacións de veciños, para explicar o despregamento da Policía de Barrio e analizar as necesidades de seguridade de cada barrio, de cara a reforzar a colaboración e a cooperación co resto das Forzas e Corpos de Seguridade, a través da Xunta Local de Seguridade”, engadiu.

Julio Flores recordou que a actividade da Policía Local se encadra en tres grandes áreas de actuación:

1. Incrementáronse nun 2,27% as actuacións para o control das ordenanzas municipais, cun aumento das denuncias derivadas das medicións de ruídos e unha diminución das denuncias por ocupacións de vía pública sen licenza ou nas infraccións de obras menores, debido ao incremento do labor preventivo desenvolvido pola Policía de Barrio.

2. A seguridade dos cidadáns ocupa unha parte importante das actividade da Policía de Barrio, que logrou o ano pasado que diminuísen as chamadas de cidadáns á Sala do 092 nun 13%, debido á presenza activa nos barrios das patrullas a pé, en moto e en coche radiopatrulla.

3. O incremento das medidas de prevención da Unidade de Tráfico e a maior concienciación cidadá lograron reducir nun 6,5% o número de accidentes de tráfico na cidade respecto a 2011, así como o número de persoas implicadas nun 2,5% e o de vítimas mortais, que pasou de tres falecidos por atropelo en 2011 a un en 2012. Por outro lado, realizáronse 42 accións formativas dentro do programa de educación vial ás que asistiron 1.378 escolares.

O concelleiro sinalou que a Policía Local colaborou con Urbanismo e Medio mediante o control de licenzas e das ordenanzas ambientais; con Servizos Sociais apoiando a Unidade Técnica de Chabolismo; con Educación mediante o control e regulación de tráfico nos horarios de entrada e saída de centros escolares; con Cultura, Festas e Deportes mediante os dispositivos especiais en eventos e espectáculos; e con Mercados, mediante o despregamento policial nas inmediacións dos mercados municipais.

“Hai que destacar dispositivos especiais como o establecido na Noite de San Juan, no que participaron máis de 70 policías locais, na Regata de Grandes Veleiros, en grandes eventos deportivos ou os dispositivos de tráfico que se despregan en verán e nadal”, indicou Flores, quen engadiu: “Quero tamén destacar un labor humanitario pouco coñecido da Policía Local que auxiliado a 165 cidadáns en diversas circunstancias durante o pasado ano 2012”.

Flores destacou tamén que en 2012 se incrementaron os medios materiais a disposición da Policía Local con dous novos vehículos patrulla, oito bicicletas máis para a Unidade Ciclista, unha furgoneta con radar cedida pola Xefatura Provincial de Tráfico e un ciclomotor para a oficina técnica: “Ademais, reforzouse a formación continua do persoal con 27 accións formativas, ás que asistiron 326 mandos e policías,”.

DÍA DA PATROA

Por último, Flores anunciou que mañá xoves, o día anterior á data de celebración da Patroa da Policía Local, María Auxiliadora, se procederá á entrega das Medallas ao Mérito Policial do Concello a tres oficiais e oito policías, así como á entrega dos diploma acreditativos do nomeamento de Funcionarios Honoríficos a catro membros do Corpo da Policía Local que cesaron no servizo no ano 2012 por xubilación, incapacidade ou falecemento. “Estes recoñecementos son para uns profesionais teñen que destacado con notoriedade e tesón no cumprimento dos seus deberes ao longo da súa traxectoria profesional, polo que quero agradecer o esforzo e dedicación destes 15 policías que serán homenaxeados mañá,” finalizou.

22 de maio de 2013 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.