Finalizan as obras de soterramento do tendido eléctrico e substitución dos farois na travesía de Pazos na PO-255

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+

A empresa de mantemento da iluminación pública do Concello, en colaboración coa Empresa ELEMOL, están a proceder a eliminar os últimos postes de electrificación e substituílos por novos e modernos farois na Travesía de Pazos (Ponte Caldelas) dentro da fase final da mellora da estrada que une o centro da vila coa parroquia de Forzáns e o nó de Fornelos.

Os traballos realizados pola empresa subministradora de enerxía eléctrica ELEMOL, incluíron tamén o completo soterramento da liña que daba subministración enerxética a toda a zona entre a Ponte e a Travesía de Pazos e zonas lindantes e se une ao proceso emprendido polo Concello de Ponte Caldelas referente á mellora da seguridade vial, saneamento e infraestruturas na zona.

Aínda que nun principio o proxecto só contemplaba a mellora e ampliación da estrada P0-255 entre Ponte Caldelas e Forzáns, as xestións realizadas polo alcalde Perfecto Rodríguez ante o conselleiro de Medio e Infraestruturas de la Xunta (MATI), Agustín Hernández, permitiron modificalo de tal maneira que se tratase o tramo de Pazos como travesía e se lle dotase de servizos de rede de sumidoiros, melloras na seguridade vial, etc.

Os traballos que agora están en fase de remate consideraron a instalación dunha nova canalización para a rede de pluviais, o que permite separar as augas da chuvia da rede de sumidoiros, que ata agora o facían polo mesmo conduto, o que supoñía un problema para a EDAR polo enorme caudal que achegaba.

Ademais desta actuación tamén se substituíron esas antigas canalizacións da rede de saneamento por outras novas dende a rúa José López Boullosa ata o final da rede de Pazos, o que permite que as naves e talleres existentes na zona poidan conectarse ao servizo de rede de sumidoiros.

SENDAS PEONÍS QUE PROLONGAN O PASEO DENDE CUÑAS, O CENTRO DA VILA E PAZOS AO TEMPO QUE SE MELLORA A SEGURIDADE VIAL

O novo proxecto negociado polo alcalde Perfecto Rodríguez co Conselleiro Agustín Hernández contempla a construción de dous sendas peonís, de 2 metros de ancho por ambas as dúas marxes da travesía, na recta de Pazos, o que mellorará a seguridade vial ao habilitarse esas zonas para peóns que comunicará esta zona coa zona urbana.

UNHA GLORIETA QUE ORGANIZA O TRÁFICO NA SÚA CONFLUENCIA COA ESTRADA PO-244 (PONTE CALDELAS – ARCADE)

Outra das melloras introducidas no proxecto é a construción da Glorieta que enlaza esta travesía coa estrada PO-244 que comunica Ponte Caldelas con Soutomaior e Arcade. Ademais da introdución de lastras axardinouse e dotou de pasos de sinalética e unha serie de medidas tendentes a aumentar a seguridade vial e a incorporación do tráfico ao centro da vila.

A próxima semana comezarán os traballos de pavimentado deste tramo de vial entre esta glorieta e o cruzamento da Fraga, precisamente onde se están a retirar estes días os postes de formigón correspondentes ao tendido eléctrico e iluminado.

Estas obras en seguridade vial inclúense e veñen a complementar o investimento realizado pola Xunta de Galicia na realización de reforma da PO-255 Ponte Caldelas-Forzáns e PO-241 Caritel-A Lama que se espera que estean totalmente finalizadas no próximo mes de xuño e que supuxeron un investimento que rolda os 10 millóns de euros, a maior parte deles con destino ao municipio de Ponte Caldelas.

29 de maio de 2013 | 16:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.