Finalizan as obras de mellora da seguridade vial na rúa da Ponte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalPonte Caldelas
A-
A+

O Concello de Ponte Caldelas deu por finalizadas as obras de seguridade vial realizadas na Rúa da Ponte, do centro da vila, mediante as cales se dotou á zona de tres pasos de peóns, dous deles elevados, así como o soterramento da canalización de diversos servizos relacionados co saneamento e a subministración eléctrica.

Estes traballos, realizados sen custo municipal ningún xa que a xestión realizada polo alcalde Perfecto Rodríguez conseguiu que a Xunta os incluíse dentro das obras da nova estrada P0-255 que comunica precisamente a Rúa da Ponte (quilómetro cero da intervención) coa parroquia de Forzáns, acaban de ser rematados co pintado e sinalizado da rúa.

Coa intención de causar o menor transtorno aos usuarios e veciños da rúa, o Concello de  Ponte Caldelas estableceu un plan de traballo coa empresa adxudicataria da estrada (Copasa) e a eléctrica Elemol co fin de coordinar os traballos para evitar sucesivas intervencións no vial e lograr o soterramento das canalizacións de pluviais e da rede de saneamento así como de diversas liñas de electrificación que se encontraban nas inmediacións da zona (confluencia coa Rúa Emigrante).

EVITAR INUNDACIÓNS OS DIAS DE CHUVIA

Así, á altura da Rúa da Igrexa se instalaron dúas canalizacións, -unha que substitúe a antiga da rede de saneamento e, outra, que conecta a rede de pluviais desa rúa coa canalización xa instalada que cruza a alameda-, co obxectivo de que toda a auga que baixa por esa rúa non desemboque na rede de pluviais da Rúa da Ponte, que provocaba inundacións os días de chuvia porque non ten capacidade para tanto caudal. Ao canalizar a auga pola nova canalización, xa instalada na alameda o pasado ano, conséguese dividir o fluído que procede da zona alta da vila, aliviando a rede de pluviais da Rúa da Ponte.

SEPARACION DE AUGAS PLUVIAIS E FECAIS

Tamén se realizou un cruzamento á altura da Rúa do Emigrante co obxectivo de conectar a rede de saneamento que procede do lugar de Pazos e da Rúa José López Boullosa cunha nova canalización xa instalada cando se reformou esa rúa. Ata ese momento, as augas fecais e pluviais que baixaban de Pazos facíano pola mesma canalización. Agora, grazas á separación de canalizacións poderán xa derivarse en canalizacións separadas o que redundará nun mellor funcionamento da depuradora e menor consumo do bombeo previo existente.

SOTERRAMENTO DE LINEAS ELÉCTRICAS

Por outro lado a empresa subministradora de enerxía eléctrica da zona, Elemol, tamén realizaron tres cruces na Rúa da Ponte para completar a rede eléctrica soterrada que se veu realizando nos últimos anos en varias rúas da zona urbana de ponte Caldelas.

CORRECCIÓN DA ALTURA DO PAVIMIENTO PARA EVITAR INUNDACIÓNS NOS GARAXES

Cando as condicións atmosféricas o permitiron, procedeuse a realizarel rebaixe dos pozos de rexistro e sumidoiros existentes no vial, tal e como previra o alcalde Perfecto Rodríguez, coa intención de que a nova pavimentación corrixise a excesiva altura que tomara a estrada, na súa última mellora, que favorecía a presenza dalgunha inundación en garaxes os días de excesivas precipitacións. Tamén se corrixiu o firme que nalgúns lugares da rúa superaba a altura do bordo da beirarrúa.

Finalmente, procedeuse á mellora da seguridade vial co pintado do pavimento, sinalizando en mellores condicións a visibilidade dos pasos de peóns e a redución de velocidade para adaptala ao tramo urbano da vía.

7 de maio de 2013 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.