publicidade hoxe

Ferrol elabora a primeira ordenanza reguladora das terrazas de locais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal
A-
A+

A Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, que dirixe Guillermo Evia Pérez, levará ao pleno ordinario de mañá xoves a aprobación inicial da ordenanza reguladora das terrazas de establecementos, a primeira coa que contará o Concello de Ferrol e que “é necesaria para cumprir co planeamento e a normativa vixente na materia”, apuntou o edil ferrolán. O regulamento, que a semana pasada foi entregado aos grupos da oposición para o seu estudo e do que tamén foi informado o colectivo de empresarios de hostalería de cidade, obtivo esta mañá o ditame favorable en comisión informativa. Así as cousas, unha vez que sexa ratificado polo pleno pasará a exposición pública e resolveranse as alegacións que se presenten antes da súa aprobación definitiva e entrada en vigor.

Esta ordenanza supón a primeira vez que a Administración municipal regula as terrazas, xa que o único que existía até o de agora era unha ordenanza de reforma de locais comerciais cun apartado destinado a estes elementos. “Presentamos unha ordenanza aberta e na que prima o interese público”, manifestou Evia Pérez; ao tempo que explicou que o documento non soamente fai referencia aos diferentes tipos de terrazas senón que define o que se entende por espazo saturado. “Trátase de protexer prazas e espazos singulares da cidade, evitando que a ocupación dos mesmos supere o 25% deses espazos”.

Ademais, o regulamento establece a creación dunha comisión técnica de avaliación que fixará os criterios de uniformidade e estéticos das terrazas: cores, materiais, homoxeneización, emprazamentos, etc: e será a que determine a autorización ou denegación das solicitudes. “Con esta ordenanza o obxectivo final é contribuír á dinamización da hostalería local e xerar un bo ambiente e unha boa imaxe da cidade”, dixo o titular de Urbanismo. “Dende o Goberno Municipal queremos favorecer todo establecemento poida ter a súa terraza, pero dándolle prioridade ao interese público a á accesibilidade”, engadiu Evia Pérez.

Polígono de O Bertón

Por outra banda, o responsable da planificación e xestión urbanística do Concello deu conta doutro dos acordos adoptados na comisión informativa celebrada hoxe e que tamén se levará a aprobación á sesión plenaria de mañá: o intercambio de uso entre docente e deportivo nas parcelas denominadas D-1, D-2, D-3 e D-4 do polígono do Bertón. Estas superficies son as situadas más próximas aos barrios de Caranza e Ultramar, e a finalidade desta medida “é unha distribución máis racional dos usos do Bertón, sen alterar os usos globais e sen afectar á titularidade pública do polígono”, manifesto Evia Pérez. Así mesmo, con esta medida o Executivo local avanza no seu compromiso cos veciños/as da cidade de emprazar no Bertón un gran equipamento deportivo.

29 de maio de 2013 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.