publicidade hoxe

Ferrol celebra o vindeiro domingo o Día de Europa cun concerto da Banda Municipal de Música

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFerrolLocal
A-
A+

O concelleiro de Economía do Concello de Ferrol e coordinador do programa Urban, Alejandro Langtry Caínzos, informou da celebración conmemorativa do Día de Europa o vindeiro domingo 12 ás 11:30 horas no Cantón de Molíns. Esta iniciativa que organiza a Administración local ao abeiro do Programa Urban-Ferrol e leva por nome “Europa conta”, pretende achegar a cidadanía a transcendencia da tradición cultural de Europa no desenvolvemento persoal como habitantes da casa común europea.

O edil ferrolá explicou que o Concello de Ferrol súmase á conmemoración do Día de Europa como beneficiaria de fondos europeos para o desenvolvemento rexional a través do Urban. O festexo comezará ás 11:30 horas coa actuación da Banda de Música Ferrolá no Palco da Música do Cantón de Molíns, que interpretará pezas musicais infantís europeas; e continuará, ás 12:30 horas, coa realización do obradoiro infantil de contos populares europeos “Érase unha vez Europa” na praza da Constitución. Así, os nenos poderán gozar das diferentes versións que os mesmos contos teñen nos distintos países; e así, chegar ao convencemento de que, con matices, todos os habitantes do noso continente pertencemos á mesma cultura e civilización. Ademais, realizarán diferentes actividades centradas nos contos tradicionais máis populares e ao finalizar o obradoiro entregarase un diploma a todos/as participantes no mesmo. Así mesmo, ao longo do desenvolvemento do programa repartiranse globos e pegatinas para os nenos e nenas e folletos informativos do Programa Urban Ferrol para todos os interesados.

“Tratase dun acto dirixido especialmente ás familias, nenos e nenas, mozos e mozas ferroláns” manifestou Alejandro Langtry. Neste sentido, o coordinador do programa Urban explicou que a celebración do Día de Europa ten como obxectivo xeral “coñecer e interiorizar o concepto de Europa e a súa influenza nas nosas vidas, ademais de transmitir a idea de que Europa existe e se ocupa dos seus habitantes”. Outros obxectivos do programa son implicar á sociedade no labor de recuperación e dinamización dos barrios históricos de orixe do Concello como lugares de convivencia; recoñecer o concepto de Europa como parte da nosa cultura; e rescatar e salientar o importante e vital papel que xogan os contos populares na transmisión de valores inherentes ao noso modo de ser. O titular de Economía, tamén lembrou que cada 9 de maio conmemorase o Día de Europa en lembranza da data da Declaración Schuman de 1950, considerada a primeira proposta oficial para a construción dunha Europa integrada.

6 de maio de 2013 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.