Ferrol asina un convenio con Almat para mellorar a atención continuada ás mulleres vitimas de violencia de xénero
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e a secretaria da Asociación de Loita contra os Malos Tratos (Almat), María del Carmen López Díaz, asinaron hoxe un convenio de colaboración para o desenvolvemento dun programa de servizo de atención 24 horas á problemática dos malos tratos e da violencia contra as mulleres. No acto de sinatura tamén estivo presente a concelleira de Igualdade, Verónica Casal Míguez.
Na súa intervención, o primeiro edil da cidade sinalou o traballo da loita contra os malos tratos que realiza a asociación dende hai anos “un obxectivo que comparte coa Corporación Municipal”. Así, explicou que o programa consiste nun servizo de atención telefónica 24 horas dispoñible todos os días do ano para informar e asesor a todas as mulleres vítimas dunha situación de maltrato. Este servizo está complementado cunha atención personalizada de carácter social, psicolóxico ou xurídico, incluíndo acompañamento a centros sanitarios, servizos policiais e xudiciais. “Estimula e axuda ás mulleres a romper a barreira do silenzo” salientou o rexedor municipal ao respecto da actividade de Almat. Ademais, sinalou o compromiso do goberno local en momentos de dificultade con entidades que necesitan recursos para poder seguir coa súa actividade. “Esta entidade ten garantida a mesma achega municipal do ano anterior de 5.000 euros para poder levar a cabo os seus servizos” dixo.
Pola súa parte, a secretaria de Almat, agradeceu ao alcalde e á titular de Igualdade “a confianza que poñen na nosa asociación para continuar con la labor de prevención e erradicación da violencia de xénero”.