Ferrol asina o convenio de colaboración coa Secretaria Xeral de Igualdade para a mellora da Casa de Acollida Municipal

Sinatura do convenio
O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, asinou hoxe un convenio de colaboración coa secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, para o mantemento do dispositivo de acollida para a atención de mulleres vítimas da violencia de xénero. O importe do acordo ascende a 46.000 euros que serán destinados ao mantemento do centro e a prestación do servizo integral de acollida, atención psicolóxica, apoio e recuperación integral ás vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos menores, ofrecéndolles aloxamento de forma temporal e con carácter de urxencia. No acto de firma do acordo, que tivo lugar no Salón de Recepcións da Casa Consistorial, tamén participou a delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén Do Campo.
Na súa intervención, o rexedor municipal agradeceu o mantemento do convenio coa Administración Local e explicou que con este acordo de colaboración “demostrase que, pese aos momentos difíciles, o Concello e a Xunta de Galicia mantemos a atención aos temas prioritarios no que a orzamento se refire”. Neste sentido, o primeiro edil da cidade sinalou que “esta colaboración entre o Concello de Ferrol e a Xunta de Galicia é fundamental para garantir os servizos públicos no eido social e da igualdade, os cales repercuten nas persoas que peor o están a pasar”. Así, Rey Varela lembrou que Ferrol foi unha das primeiras cidades galegas en estar dotada dunha casa de acollida.
Datos ocupacionais
Pola súa banda, a responsable autonómica de Igualdade, Susana López Abela, informou dos datos sobre a ocupación da casa de acollida municipal, indicando que o ano pasado esta alcanzou unha porcentaxe do 69% sendo a de maior taxa de ocupación de toda Galicia. O centro conta cunha dispoñibilidade de 15 prazas, que no ano 2012 foron utilizadas por un total de 29 persoas, de xeito sucesivo e por períodos medios de tres meses. Así, das persoas residentes, 17 eran mulleres e 12 menores. Susana López explicou que a instalación ferrolá forma parte dunha rede galega de acollemento xunto a outras catro de titularidade municipal, localizadas en Coruña, Culleredo, Lugo e Ourense. En total, esta rede de acollemento ten unha dispoñibilidade de 77 prazas e a ocupación media foi do 56% o ano pasado, cun número total de 164 residentes, das que 98 eran mulleres e 68 menores.
A secretaria xeral de Igualade detallou que para garantir o funcionamento dos centros de acollida de titularidade municipal, a administración autonómica establece convenios anuais cos concellos como o que hoxe se asinou en Ferrol, sendo o montante total destinado a estes protocolos de colaboración de 230.000 euros en todo o ano 2013. Esta rede de acollemento supón para as vítimas un espazo de protección ante a situación de indefensión ou risco, no que as mulleres residen por un período medio de tres meses, prorrogable se as circunstancias así o aconsellan, garantindo un tratamento integral da atención e recuperación para favorecer a normalización e a superación dos efectos da violencia. Susana López salientou a posta en valor por parte do goberno local da casa de acollida e agradeceu “a sensibilidade de Jose Manuel Rey Varela, como alcalde de Ferrol e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), por facer posible que a loita contra a violencia de xénero este na axenda do día a día”











