Ferrol adxudica as obras de remate da superficie da Praza de España
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, anunciou que a Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá deu luz verde á adxudicación das obras de remate da superficie da praza de España, e que converterán este espazo público nunha zona verde, e á licitación do proxecto de execución de mellora da rúa do Sol. O rexedor municipal expuxo o contido destes acordos acompañado da voceira do Goberno Municipal, Martina Aneiros Barros, e do concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia Pérez.
Ao respecto da praza de España e da rúa do Sol, Rey Varela sinalou que “son exemplo de despilfarro e de malgasto de fondos públicos”. “Non podemos mirar para atrás. A nosa obriga e darlles solución e co mínimo investimento posible recuperar dúas zonas urbanas que son moi importantes para a cidade”, engadiu. No que atinxe á praza de España, despois de máis de 10 anos de obras e de 20 millóns de investimento por parte de diferentes corporación, o actual Executivo Local destinará un total de 812.318,98 euros (incluído o 21% de IVE) a poñer fin á superficie da praza mediante unha actuación que a converterá nun parque verde. O alcalde lembrou que deste montante económico, soamente a metade sairán das arcas municipais posto que o resto o achegará a empresa concesionaria do aparcamento subterráneo, polo que completar dunha vez por todas a praza de España suporá un investimento directo de fondos públicos de ao redor de 400.000 euros. “Cumpliremos o noso compromiso coa cidadanía e despois de tantos anos e de tantos cartos malgastados remateremos a praza, conveténdoa nunha zona verde segundo o deseño que fixo a prestixosa paisaxista Isabel Aguirre, autora do parque de Bonaval ou da recuperación do Mosteiro de Caaveiro”, insistiu Rey Varela.
En canto aos prazos, o tempo de execución dos traballos é de seis meses, polo que as obras estarán rematadas antes de que termine o presente ano. A empresa encargada de levalas a cabo é a UTE Extraco S.A-Prace, Servicios y Obras S.A”, que foi a que recibiu a mellor puntuación por parte dos técnicos municipais que forman parte da Mesa de Contratación entre as 15 ofertas prresentadas.
Mellora da rúa do Sol
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local apobou hoxe a licitación do proxecto básico e de execución da reurbanización da rúa do Sol, por un importe de 41.682,08 euros co 21% de IVE incluído e un prazo de execución do mesmo de un mes a contar a partir da firma do contrato. O alcalde explicou que, neste caso, trátase dunha actuación integral en todo o ámbito da rúa do Sol, e que o obxectivo é eliminar o adoquín por un firme máis axeitado para soportar a intensidade de tráfico da principal rúa de entrada ao centro da cidade. Ademais, aproveitarase a actuación para renovar no último treito da rúa os servizos básicos. A previsión do Concello de Ferrol é licitar as obras da rúa do Sol no ano 2014; cun investimento que ascenderá a uns 700.000 euros.
Por último, o Executivo local acordou reunión desta mañá licitar o subministro de vestiario para a Policía Local, por unna contía total de 64.300 euros.