Ferrol adxudica a primeira fase do proxecto “Abrir Ferrol ao mar”
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, informou hoxe dos asuntos abordados na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá. Así, o Goberno Municipal avanzou en dous actuacións recollidas no seu proxecto de cidade Ferrol 2020 e as que se tiña comprometidas coa veciñanza: a adxudicación do proxecto definitivo para a reforma do Centro Cultural Municipal Torrente Ballester (CTB) e o axardinamento do patio traseiro do inmoble; e da contratación da redacción do proxecto básico e de execución da primeira fase do proxecto “Abrir Ferrol ao mar”.
Rey Varela, que na súa comparecencia ante os medios de comunicación estivo acompañado do concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Contratación, Guillermo Evia, e da voceira do Executivo local, Martina Aneiros, explicou que a intervención que se acometerán no CTB comprende tres actuacións fundamentais para o inmoble. A primeira será emendar as filtracións existentes no patio que impiden que o lugar acolla exposición e o arranxe da cuberta. Ademais, levarase a cabo o acondicionamento do auditorio –antiga capela do edificio- mediante o seu pintado e a mellora da iluminación, que permitirá dignificar un dos principais auditorios da cidade. A terceira intervención consistirá no axardinamento posterior do centro cultural. “Tres actuacións que permitirán finalizar o acondicionamento do Torrente Ballester neste mandato”, apuntou o rexedor municipal. Este proxecto definitivo para o centro foi aprobado hoxe polo Goberno Municipal por un montante de 200.000 euros e un prazo de execución máximo de catro meses. A actuación conta coa perceptiva aprobación da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, polo que seguinte paso será a inminente licitación das obras.
Abrir Ferrol ao mar
O segundo dos grandes temas de cidade que hoxe foron aprobados polo executivo que preside Rey Varela en Xunta de Goberno Local foi a adxudicación á empresa Arqub 27 Estudio da primeira fase do proxecto “Abrir Ferrol ao mar”. O primeiro edil da cidade sinalou que os obxectivos desta intervención pasan por poñer en valor os baixos da Costa de Mella e os xardíns de Herrera. A intención do Goberno Municipal é que situar neste entorno o Centro de Interpretación da Cidade Histórica de Ferrol, recuperar os xardíns como un gran balcón-mirador da cidade e permitir unha utilización de aproveitamento hostaleiro por parte do Parador. A actuación incluirá, así mesmo, o emprazamento dun ascensor panorámico.