Ferrol abonará a produtividade a todo o persoal, incluídos Bombeiros e Policía Local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocalLocal Portada
A-
A+

O Concello de Ferrol vén de solucionar o pago da produtividade a todo o persoal da Administración local, incluídos os bombeiros e policías locais, polo que este concepto estará incluído na nómina deste mes. Así o indicou esta mañá o concelleiro de Persoal, Alejandro Langtry Caínzos, tras acordar con Intervención a tramitación das nocturnidades e festividades, que afecta, entre outros departamentos municipais, aos servizos de bombeiros e de policía local.

Langtry Caínzos explicou que, co obxectivo de evitar que esta circunstancia se produza novamente, mantivo un encontro cos representantes sindicais para regularizar estas produtividades segundo establece a lexislación vixente e segundo uns criterios estables e non aleatorios, como vén sucedendo na actualidade. Ao respecto, o titular de Persoal conseguiu o compromiso dos sindicato de avanzar na consecución dun acordo sobre a regulamentación das festividades e nocturnidades na vindeira Mesa de Negociación.

O Goberno Municipal tentou cando menos en dúas ocasións fixar os criterios das produtividades na devandita Mesa de Negociación, pero non foi posible chegar a un entendemento coa parte sindical. “A vontade do goberno é solucionar de maneira definitiva a cuestión das produtividades, para o que seguimos estando abertos ao diálogo na procura dun acordo”, dixo Langtry Caínzos, ao tempo que explicou que “do que se trata é fixar uns criterios estables e acordes coa lexislación vixente para o pago das nocturnidades e festividades”.

Así, o responsable de Persoal lembrou que o executivo ferrolán presentou até en dúas ocasións o criterio do pago de produtividades na Mesa de Negociación, que foi rexeitado polos sindicatos sen que estes deran resposta ao mesmo. Neste sentido, o edil ferrolán explicou que a proposta dos sindicatos “limitábase a incorporar determinadas produtividades ao específico sen ter en conta que o criterio do pago de produtividades afecta a todo o persoal do Concello e a todas as produtividades; e é requisito legal indispensable a aprobación dun criterio para o abono das mesmas”.

22 de maio de 2013 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.