Fernández asegura que a celebración do IV S8 reforza o papel da cidade como referente cultural
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, acompañada por Anxo Roda, director de (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña e Roberto Eduardo Gudiño, cónsul xeral da República Arxentina, presentaron algunhas das novidades da nova edición deste evento que se desenvolverá na cidade entre o 5 e o 8 de xuño: “Para nós é unha honra volver ser a sede dunha mostra que foi recoñecida como un dos eventos culturais máis destacados de 2012 en España e que reforza e consolida á cidade como un referente cultural”, destacou a concelleira.
Ana Fernández explicou que este ano a Mostra será máis internacional que nunca e que presentará unha edición especial centrada no cine de Arxentina: “Dende as súas orixes ata o presente, pasando pola idade de ouro ou as vangardas cinematográficas. Dende Claudio Caldini, considerado a pedra angular do cine arxentino e un dos artistas máis reputados do cine periférico internacional; aos novos realizadores Pablo Marín, Pablo Mazzolo e Sergio Subero; ademais do programa ARCA, de cine doméstico e afeccionado; ou unha homenaxe ao recentemente desaparecido Leonardo Favio”.
Outra das novidades é a celebración desta Mostra en diferentes espazos situados no corazón da cidade. Neste sentido, Fernández felicitou os organizadores por esta decisión: “Pon de relevo que A Coruña é unha cidade que conta cunhas grandes infraestruturas culturais na zona centro, que este ano terán especial protagonismo no festival e, ademais, permitirá que os espectadores coñezan a nosa cidade á vez que gozan do amplo programa do S8”, subliñou.
Ana Fernández informou de que á Fundación Novacaixagalicia, ao CGAI, ao Teatro Colón e ao Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, se sumará a Fundación Luis Seoane: “Neste espazo contaremos coa sección Desbordamentos, en cuxa programación se poderán ver as performances de Claudio Caldini, Ben Russell, Ben Rivers e Miguel Mariño,”. Tamén se realizarán talleres de cine con monicreque para nenos ao aire libre, na explanada dos Xardíns de Méndez Núñez, e a clausura de Mini S8 proxectará películas de cine mudo de Méliès.
A concelleira concluíu animando os cidadáns a participar na Mostra de Cinema Periférico: “É unha oportunidade para coñecer o mellor da historia do cine arxentino e para descubrir pezas insólitas e esquecidas. Este evento reforza novamente A Coruña como a capital do cine xa que, como se veu sucedendo ao longo do ano, o sector audiovisual pisa moi forte na nosa cidade converténdoa ademais na sede definitiva dos Premios Mestre Mateo ao cine e audiovisual galego”, finalizou.











