Fállanse os premios do comercio compostelán

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

O pasado día 14 de maio, no Pazo de Raxoi, reuniuse o xurado dos Premios do Comercio Compostelán. O xurado estaba composto por representantes do Concello, as Asociacións Comerciais, a Cámara de Comercio, e a Asociación de Consumidores, que foron os encargados de seleccionar os gañadores nas categorías de: Comercio Emprende, Comercio Innovación, Comercio Activo e Comercio Veterano. Os gañadores de Comercio de Barrio e Comercio Agarimo elixíronse por votación popular a través de Internet.

As categorías e premiados son:

Comercio de Barrio: tivéronse en conta aqueles comercios que destacan pola súa cercanía nos barrios e por prestar ese valor engadido de proximidade e trato personalizado nas compras do día a día. O comercio gañador, por votación popular, foi: Floristería Émbora.

Comercio Agarimo: prémiase ao comercio que sobresae pola súa esmerada atención ao cliente e servizo post-venta. O comercio gañador, por votación popular, foi: Bulideira.

Comercio Emprende: valórase o espírito emprendedor dentro do comercio local atendendo a capacidade de xeración de emprego, a diferenciación e iniciativas de éxito. O comercio gañador foi: La Bulanxerí.

Comercio Innovación: recoñécese a incorporación das novas tecnoloxías e técnicas de marketing innovador tanto no seu funcionamento diario coma na relación e fidelización cos clientes, así coma no deseño interior e exterior do establecemento. O comercio gañador foi: Nobel Muebles.

Comercio Veterano: recoñécese o labor deses pequenos comercios familiares que desenvolven o seu traballo dende hai anos demostrando a súa capacidade de permanencia e adaptación aos novos tempos. O comercio gañador foi: Sastrería Pepecillo.

Na categoria de Comercio Activo, que atendía a aquelas iniciativas de agrupacións de comerciantes que destacaran por promover a dinamización do comercio local, o galardón foi para o conxunto de comerciantes da rúa Alfredo Brañas, que durante a campaña de Nadal 2012/2013 contribuiron á ambientación da súa rúa mediante a colocación de diversos adornos ás entradas dos establecementos para atraer así a máis cantidade de público.

A participación e calidade dos comercios e cidadáns vai mellorando ano tras ano. As cifras, respecto ao ano 2012, de Santiago Comercio de Cine así o reflicten. Os comercios inscritos en 2012 foron 28, fronte aos 48 desta edición nas distintas categorías. En canto ao número de votacións populares, no premio Comercio Agarimo votaron 700 persoas ao seu mellor comercio agarimo, fronte a 127 do ano pasado. E no premio Comercio de Barrio votaron en 2013 276 persoas fronte ás 140 do ano pasado.

Os gañadores recibirán o próximo 23 de maio no Pazo de Raxoi unha figura conmemorativa. Para a creación desta figura convocouse un concurso dirixido aos artesáns composteláns adheridos á marca Artesanía de Galicia. O Xurado, formado por representantes do Concello, da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e das asociacións comerciais, escolleu a figura deseñada por Ana Serra García, de Media Lúa.

15 de maio de 2013 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.