Exposición de fotografías de José Bellver en Nigrán
O Salón de Actos municipal acollerá unha nova exposición de arte, nesta ocasión, de fotografía, cunha mostra asinada polo reputado artista José Bellver. Esta magnífica colección, conservada na actualidade no Museo de Pontevedra, chega a Nigrán da man da Deputación de Pontevedra, e permanecerá aberta en horario de 19.00 a 23.00 horas até o próximo 12 de xuño.
Esta mostra forma parte do programa de colaboración en materia cultural que a administración provincial leva a cabo cos municipios de Pontevedra. Na exposición, da cal é comisaria María Reis Camiña Castro, aínda que se toma como eixo temporal os anos 1930-194, inclúense imaxes anteriores e posteriores no tempo.
Canto á temática podemos dicir que na obra de Bellver o protagonista é o mar, pero non por iso deixa de fotografar as cousas que xorden ó seu redor, desde unha paisaxe (Caldas de Reis, Combarro, Vigo, Ponte Sampaio, etc.) ata unha escena rural e incluso a súa familia e os seus amigos se converten no obxectivo da súa cámara.
De familia acomodada e formación autodidacta, a afección de José Bellver Álvarez (Ponferrada, 1896 – Pontevedra, 1968) pola fotografía, que compaxina coa pintura e máis tarde co cine, vénlle desde moi novo, cara o inicio da década dos vinte, en que é destinado á localidade pontevedresa de Cambados para exercer de xuíz de primeira instancia, época na que realiza un gran número de imaxes. Despois de varios destinos, entre eles Caldas de Reis, Ortigueira ou Redondela, recala en Pontevedra como Maxistrado da Audiencia Provincial.
Como moitos dos fotógrafos afeccionados do momento, presenta as súas fotografías a concursos para dar a coñecer a súa obra. Así é como no ano 1926 consegue o diploma de honra na exposición celebrada no Centro de Galicia en Madrid. Ademais de realizar fotografías de carácter costumista e familiar, na súa obra predominan os temas nos que o mar e as súas xentes son os protagonistas, prestándolle gran atención ó tratamento da luz e conseguindo crear unha atmosfera na que destacan os contraluces.
Cultiva a fotografía ó longo da súa vida, aínda que na década dos cincuenta faino xa con menor intensidade debido á enfermidade que padece. Colaborador habitual en revistas gráficas, como Sonata Gallega, Industrias Pesqueras ou Vida Gallega, realiza exposicións, tanto en Vigo como en Pontevedra, e en 1946, xunto con outros fotógrafos afeccionados, crea a Agrupación Fotográfica Gallega na que desempeñará o cargo de presidente.