Exposición de escritores galegos para conmemorar o Día das Letras 2013 en Monforte
Dende o 8 ata o 30 de maio poderá visitarse na Casa da Cultura a exposición “17 ESCRITORES GALEGOS/ LETRAS GALEGAS 2013”. A mostra, que consta de trinta e catro paneis, inaugurarase ás 19:00 horas.
A metade dos paneis refírense a dezasete sobranceiros escritores galegos de diferentes zonas do país: Rías Altas, Costa da Morte, Terras de Santiago, A Mariña Lucense, Lugo e a Terra Chá, Ancares- Courel, Ribeira Sacra, O Ribeiro, Terras de Ourense e Allariz, Celanova-A Limia, Verín-Viana, Manzaneda- Trevinca, Rías Baixas e Deza- Tabeirós.
Na exposición inclúense notas biográficas dos escritores e textos significativos da súa autoría, acompañados de material fotográfico sobre eles e a súa obra.
Os outros dezasete paneis conteñen fermosas fotos das bisbarras natais dos escritores e están feitas por prestixiosos fotógrafos de toda a xeografía galega. Así, por exemplo, aparecen as fotos das Terras de Santiago vinculadas a Rosalía de Castro e a Roberto Vidal Bolaño, ou as da Costa da Morte asociadas a Eduardo Pondal.
En definitiva, a mostra é un achegamento á literatura galega, pero tamén á xeografía e á arte de Galicia da que o público en xeral, e os centros de ensino en particular, poderán gozar dende o día 8 de maio ata o 30 dese mes.
Existe a posibilidade de organizar visitas guiadas á exposición, de tal xeito que centros de ensino, asociacións e outros colectivos de adultos, poidan desfrutar dunha explicación detallada sobre a mesma. Para concertar tales visitas, estes colectivos deberán contactar previamente co Concello de Monforte de Lemos.











