Estudantes do IES Saturnino Montojo de Ferrol compitirán na final galega do club de debate
Os gañadores da segunda edición do Club de Debate, iniciativa promovida polo Concello de Ferrol a través da área de Normalización Lingüística en colaboración coa Xunta de Galicia, disputarán a competición final galega mañá sábado, día 4 de maio, xunto a cinco equipos de diferentes comarcas galegas. Os alumnos e alumnas de 4º de ESO do IES Saturnino Montojo viaxarán a Santiago de Compostela para representar á comarca de Ferrol no Auditorio de Galicia.
O equipo ferrolán partirá ás 08:00 horas para a cidade compostelán acompañado da súa preparadora e de persoal do Concello. A final do Club de Debate, onde os seis equipos participantes deberán debater sobre “O galego é unha oportunidade” dará comezo ás 09:30 horas. Despois dunha xornada intensiva de mañá e tarde, o equipo gañador da competición galega recibirá como premio unha viaxe para un máximo de 25 persoas dunha fin de semana con contidos culturais que contribúan aos obxectivos deste proxecto. Compre lembrar que a finalidade da iniciativa é fomentar o uso do galego oral entre a mocidade e así activar o uso oral do idioma en contextos formais e informais.
O equipo local está composto por: Lucía Amado González, Irene Arto Escuredo, Mateo Buján Varela, Sandra Díaz Seoane, Darío García Rodríguez, Laura Lage Fojo, Isabel López Frieiro, María Prieto Solano, Mireya Romero Moya e Nerea Teijeiro López. Ademais, competirán co CPI Plurilingüe dos Dices-Rois, de Rois; o IES Sánchez Cantón, de Pontevedra; o CPR María Auxiliadora. Salesianos, de Ourense; o IES Parga Pondal, de Carballo; e o IES Casteleo, de Vigo.
Membros do xurado
Os encargados de elixir ao equipo gañador da final galego do Club de Debate serán cinco: Paula Soto, técnica de normalización de Moaña; Rosario Valcárcel Mato, profesora de lingua; Amador Loureiro Blanco, dinamizador da lingua na rede; Xaime Subiela, politicólogo; e Uxío Novoneyra, especialista en comunicación.