Escolares do CPI Pontecarreira participan nun obradoiro dedicado a Rosalía de Castro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFradesLocal
A-
A+
Obradoiro de "stop motion"

Obradoiro de “stop motion”

Unha vintena de rapaces e rapazas do CPI Pontecarreira (Frades), de entre 10 e 14 anos, participan dende esta semana no programa “Rosalía Stop Motion”, un obradoiro conmemorativo dos 150 anos da primeira edición de “Cantares Gallegos”. Un programa posto en escena pola compañía Vagalume e que trae á vida a Rosalía de Castro utilizando plastilina e a técnica do Stop Motion, de xeito que as creacións dos pequenos cobrarán movemento. Algo que os escolares de frades poderán comprobar ao remate das sete sesións programadas, que terá lugar o vindeiro 30 de maio.

“Rosalía Stop Motion” é unha das tres actividades programadas polo Concello de Frades, en colaboración co programa Ler Conta Moito da Xunta de Galicia,  para conmemorar o Día das Letras Galegas 2013. Un programa que se iniciou a semana pasada cunha sesión de “Ciencia divertida”, no que participaron nenos e nenas menores de 6 anos do CPI Pontecarreira, que puideron disfrutar de divertidos experimentos científicos.

A semana que vén comezará a terceira e última actividade conmemorativo do Día das Letras Galegas 2013: “Bibliotecas animadas”. Trátase de catro obradoiros dirixidos a rapaces e rapazas de entre 6 e 12 anos que afondarán nas súas propias capacidades creativas dende diferentes actividades relacionadas coa creación da imaxe en movemento a partires da imaxe fixa. O obradoiro será impartido por Minia Regos Sanz (Santiago) e que terá lugar ata o 14 de xuño.

24 de maio de 2013 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.