Escolares de San Benito de Lérez fan a Xincana xeolóxica da Xunqueira de Alba
Alumnos de Primaria do centro de ensino San Benito, de Lérez, participan mañá, nunha xincana xeolóxica na Xunqueira de Alba. Para a Concellaría de Medio Ambiente, o Enil da Xunqueira de Alba brinda a oportunidade de comprender a forma na que os ríos modifican a paisaxe ao longo do tempo a través da deposición de sedimentos, entre outros.
Serán 36 rapaces de quinto e sexto de Primaria os que participarán na Xincana xeolóxica para mostrar, in situ, por medio da resolución de diferentes probas o valor xeolóxico e natural da zona. A actividade comeza por unha breve exposición sobre o espazo da Xunqueira, destacando a súa importancia e a necesidade de preservación.
Na parte das probas lúdicas propiamente ditas, cada grupo de participantes valerase dun teléfono móbil para comunicar as súas respostas
nun concurso en que o tempo será un factor chave.
Trataranse temas como:
– Identificación de elementos produto da erosión
– Estimación da velocidade e caudal do río Rons
– Identificación das marcas de ondulación do leito do río
– Identificación de diferentes tipos de sedimentos
– Descuberta de gneis, etc