Dores Tembrás e Roi Vidal protagonizan o acto central do certame de poesía de Carral
A Casa da Cultura acollerá o acto central do Certame de Poesía Concello de Carral, que terá lugar o venres 31 de maio ás 20:30 h. Neste acto Dores Tembrás recibirá o premio da décimo sexta edición do concurso, polo seu poemario Cronoloxía da urxencia, e Roi Vidal presentará o libro titulado Teatro, co que gañou o certame do pasado ano.
No acto intervirán o alcalde, José Luis Fernández Mouriño, o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o director de Edicións Espiral Maior, Miguel Anxo Fernán Vello, o escritor e membro do xurado deste ano, Francisco Fernández Naval, e os autores premiados. Haberá tamén a actuación do acordeonista Vadim Yukhnevich.
Ao final do acto a Concellería de Cultura do Concello de Carral obsequiará aos presentes co libro presentado, coa posibilidade de que poida ser dedicado polo seu autor, Roi Vidal.
Este evento está incluído na programación cultural das Letras Galegas, dedicadas a Roberto Vidal Bolaño, dándose a coincidencia que foi o pai de Roi Vidal.