publicidade hoxe

Declaración institucional da Deputación de Ourense na conmemoración do Día das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseProvincias
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, con motivo da conmemoración do Día das Letras Galegas 2013, aprobou a seguinte declaración institucional:

“Dende o ano 1963 e grazas á proposta dos académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, celebramos en Galicia o 17 de maio o Día das Letras Galegas, unha data de exaltación e promoción da nosa lingua e a nosa literatura, alicerces esenciais sobor dos cales se constrúe a nosa cultura e a nosa identidade.

A Deputación de Ourense, como institución que ten entre os seus obxectivos fundamentais a defensa e promoción da lingua e a cultura galega, súmase a esta celebración e á proposta da Real Academia Galega para que nesta ocasión a figura homenaxeada sexa a de Roberto Vidal Bolaño, un dos autores máis prolíficos da nosa literatura e, dende logo, o dramaturgo esencial do noso teatro. Unha figura que dispuña dunha visión totalizadora do espectáculo, como nunca antes sucedera no teatro galego, unha vocación absorbente que tentaba atopar nos principios do xogo os elementos de toda a construción escénica.

O goberno provincial quere aproveitar esta data para amosar o seu compromiso coa defensa da lingua e a literatura galegas, así coma da nosa cultura e a nosa identidade. As institucións teñen a obriga de respectar e poñer en valor o patrimonio cultural e identitario do pobo ao que representan, e por iso, a Deputación de Ourense quere reafirmar, na data na que se cumpren 150 anos da edición do libro de Rosalía de Castro Cantares Gallegos e 50 anos dende que se celebrase por primeira vez o Día das Letras Galegas, que continuará traballando a reo e de xeito incansable a prol da difusión e promoción da nosa lingua, a nosa literatura e a nosa cultura, porque, lembrando as verbas de Roberto Vidal Bolaño, “non existe un pobo con alma sen poetas que o canten”.

20 de maio de 2013 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.