publicidade hoxe

Cuxhaven celebrou con éxito a súa 36ª Festa da Primavera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O sol acompañou no primeiro sábado do mes de maio ás e os habitantes da cidade alemá de Cuxhaven e ás numerosas persoas asistentes á celebración da tradicional festa de primavera que o centro galego asentado nas beiras do Mar do Norte organiza cada ano.

O primeiro e segundo alcaldes da cidade de Cuxhaven, Dr. Ulrich Getsch e Rüdiger Kürmann, o representante do partido CDU, Horst Huthsfeldt, o representante do partido SPD, Günter Wegner, o presidente do hospital de Cuxhaven, Bernd Hartig, o presidente da COFEDASGA, Ramiro Vieito Vilas, o presidente do centro galego de Nürenberg, Gerardo Arias, o presidente do Centro Galego de Frankfurt José Ramón García, a tradutora Sandra Piñeiro Bermúdez, a concelleira de xuventude do Concello de Vilanova de Arousa, Nuria Morgade Pouso acompañada por Elías González Roma e Enrique Rial Señoráns estreitaron lazos e compartiron inquietudes e impresións sobre a situación da colonia española residente na cidade cun xantar de fraternidade ofrecido polo presidente do Centro Galego de Cuxhaven, Albino Abal.

Dende o Concello de Vilanova de Arousa -irmandado con esta cidade alemá- manifestouse o interese por crear intercambios con mozos para fomentar a aprendizaxe do español e o alemán entre ambas as dúas colonias. O flamenco do grupo Alegría do Centro Galego de Cuxhaven e o folclore máis tradicional do grupo Airiños de Galicia de Cuxhaven e o grupo Follas Novas do centro galego de Frankfurt estiveron presentes no escenario para deleite de todas e todos os asistentes.

Como colofón, Francisco Chalín, Sheila Rodríguez e Vanina Galino, veciñas de Vilanova e integrantes de orquestras galegas, achegaron o entregado público aos ritmos máis bailables e actuais das verbenas españolas. O presidente, Albino Abal, aproveitou a ocasión para agradecer a asistencia e colaboración recibida por parte das diferentes institucións alemás e españolas, grupos musicais, asociacións e aos socios e socias da entidade galega, sen quen non sería posible manter un evento destas características durante tantos anos.

13 de maio de 2013 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.