Cultura, deportes e actividades sociais no programa do San Isidro e Letras Galegas da Laracha
O Concello da Laracha celebrará o Día das Letras Galegas e o San Isidro –unha das datas grandes do municipio ao tratarse do patrón dos agricultores- cun programa conxunto no que destacan as propostas culturais (espectáculos teatrais e actuacións de música e baile tradicional galegos), deportivas (torneo de fútbol benxamín) e as actividades sociais (festa homenaxe aos nosos maiores e exposicións) nas que os veciños do Concello da Laracha serán os principais protagonistas.
O programa abrirase o domingo 12 de maio cun espectáculo dirixido aos nenos máis novos, de 0 a 3 anos de idade, titulado Entre arrollos e contiños, a cargo da compañía Migallas Teatro. Será no baixo da biblioteca municipal da Laracha a partir das 12.00 horas.
A seguinte proposta será nese mesmo lugar e tamén irá dirixida ao público infantil, neste caso preferentemente a rapaces de 4 a 9 anos. Será o xoves 16, na véspera das Letras Galegas, a partir das 18.00 horas cun fragmento da peza teatral de Roberto Vidal Bolaño –o autor ao que se dedica este día- titulada Touporroutou da lúa e do sol.
O venres 17, Día das Letras Galegas, a música e o baile tradicionais galegos serán os grandes protagonistas. As asociacións culturais Santa María de Torás, Queiroga de Paiosaco e Arume de Caión actuarán a partir das 18.00 horas na explanada do IES Agra de Leborís. No caso de que as condicións climatolóxicas non sexan favorables, o espectáculo terá lugar no pavillón dese mesmo centro de ensino.
O sábado 19 pola mañá disputarase no Campo de Fútbol Municipal da Laracha o V Torneo San Isidro de Fútbol 7 dirixido a rapaces da categoría benxamín, contándose coa participación de dous equipos da UD Paiosaco e un do Laracha CF e do Club do Mar de Caión. O inicio está previsto para as 10.30 horas e a competición desenvolverase durante toda a mañá.
Ese mesmo día pola tarde no pavillón do IES Agra de Leborís terá lugar unha nova edición da Festa Homenaxe aos nosos maiores, que consistirá nunha misa que se vai celebrar ás 13.30 horas, xantar e baile. As entradas continúan á venda ao prezo de 10 euros nos centros sociais da Laracha (servizos múltiples), Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa) e Caión (antiga casa reitoral).
Exposicións
Por último, salientar que no programa tamén se inclúen, como cada ano, as exposicións dos traballos realizados polos veciños da Laracha que veñen participando desde o pasado mes de outubro nos cursos de manualidades e pintura ó óleo, encaixe de palillos, patchwork, restauración e tapizaría que organizou o Concello da Laracha.
A exposición da Laracha será a primeira en abrirse o venres 17 de maio a partir das 17.00 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha. Poderá visitarse ata o día 22 en horario de 17.00 a 21.00 horas.
O venres día 24 están programadas as aperturas das mostras de Caión (centro sociocultural da Ínsua) e de Paiosaco (centro sociocultural da Porta Santa). En ambos casos poderanse visitar durante esa fin de semana de 17.00 a 20.00 horas.











