Culleredo suspende as actividades ao aire libre do 17 de maio pola previsión meteorolóxica adversa
O Concello de Culleredo informa da suspensión das actividades ao aire libre previstas para o próximo venres 17, para celebrar a festividade do Día das Letras Galegas. A mala previsión meteorolóxica para esa xornada, con chuvias copiosas, levan o goberno local a esta decisión, ao considerar que existe alto risco de que non se puidese celebrar ou de que quedase totalmente deslucido.
O programa para o venres 17 incluía unha Feira de Artesanía, complementada con diversas actuacións e un festival infantil de folclore. Todo iso tería lugar na praza de Europa do Burgo. A xornada concibíase como un evento para acudir masivamente en familia, adquirir produtos nos postos e gozar das diferentes actuacións previstas. Pero o mal tempo fai inviable que se desenvolvese con normalidade.
A Concellaría de Cultura iniciou conversacións cos artesáns participantes, que alcanzaban a cifra de 40, e coas asociacións culturais, para tratar de encontrar unha data alternativa.
O que si se mantén para o venres 17 é o conceirto musical infantil de Maxín Branco: “A nena e ou grilo”, que terá lugar no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo ás 19.30 horas, con entrada libre ata completar aforamento.