publicidade hoxe

Culleredo atenderá a demanda de agricultura ecolóxica cunha formación nos seus hortos urbanos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCulleredoLocal
A-
A+

O auxe da agricultura ecolóxica terá en Culleredo unha formación práctica para todos os veciños interesados en coñecer e poñer en marcha este método. O goberno local lanza un curso que se celebrará en verán e que terá como escenario os hortos urbanos polos que apostou o Concello, encontrando unha resposta excelente entre os veciños.

A Concellaría de Promoción Económica que dirixe Marta Iglesias concibe a agricultura ecolóxica como unha “oportunidade” para obter produtos moi saudables para o consumo propio e de forma sostible. A proliferación desta técnica e a demanda de hortos urbanos que se segue
detectando no municipio levou o Concello a programar esta formación.

Tratarase dun curso de 30 horas de duración que se celebrará as mañás dos sábados dende o 8 de xuño ata o 3 de agosto, en horario de 10.00 a 13.00 horas. Terá lugar no pazo de Vila Melania, en Vilaboa, onde o Concello conta cos hortos urbanos, e polo tanto dispón de terreo e ferramentas para a realización dun curso que é eminentemente práctico.

O prazo de inscrición ábrese o mércores 29 e finaliza o venres 31 de maio. Os interesados poden optar a unha das 20 prazas tramitando a súa solicitude no centro municipal Pablo Picasso, situado no Burgo. O listado de admitidos expoñerase o 5 de xuño A rede de hortos urbanos enmárcase na estratexia de biodiversidade do goberno de Culleredo. Actualmente funcionan, de forma totalmente gratuíta, en Vilaboa, pero estenderanse de forma inminente ao Burgo, ao xardín botánico, para os que o Concello tramitará un novo proceso de adxudicación do que informará nas próximas datas.

27 de maio de 2013 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.