“Criaturas” de Vidal Bolaño regresan a Vilagarcía durante a Semana das Letras
Galicia dedica o Día das Letras deste ano ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Para sumarse a esta homenaxe, Vilagarcía acollerá durante a Semana das Letras a representación de “Criaturas” a última obra que escribiu, dirixiu e interpretou Bolaño. A compañía fundada polo desaparecido dramaturgo, Teatro do Aquí, será a encargada de volver a poñer sobre o escenario unha obra que amosa os monstros que se esconden tras cada persoa “normal”, e cuxos contidos atópanse de plena actualidade pese a ter transcorrido máis dunha década dende a súa creación.
Frankestein, o enxendro creado polo doutor Victor Frankestein, é o persoaxe e o fío condutor desta orixinal obra que amosa con toda a crueza, pero con aínda máis sorna, ironía, sarcasmo e moito humor, os monstros que todos levamos dentro. Se tradicionalmente, os monstros clásicos representan o medo ao descoñecido, en Criaturas, Vidal Bolaño válese dun monstro para amosar o medo máis terrorífico “o medo ao coñecido”. Por iso fai que Frankestain se vaia atopando ao longo de varios sketchs con personaxes, aparentemente normais, dos que nos atopamos na rúa, na casa e mesmos cos que cada un de nós se pode identificar para, través dos ollos do “monstro”, desvelar a monstruosidade que se agocha en cada un de nós.
Neste ano dedicado a Roberto Vidal Bolaño, Teatro do Aquí, recupera “Criaturas” para render o seu especial homenaxe ao autor cofundador da compañía. A representación desta obra en Vilagarcía ten moito de especial, non só polas datas nas que se celebrará, durante a Semana das Letras, senón pola intensa relación que Bolaño mantiña coa cidade. De feito, todas as montaxes de Teatro do Aquí foron representadas en Vilagarcía, xa que Bolaño e as súas obras eran asiduos no Salón García. De feito hai exactamente 13 anos que o salón de actos da Casa da Cultura acollía a estrea de “Criaturas”. Naquela ocasión Teatro do Aquí fixera catro representacións entre o 11 e o 14 de maio.
Nesta ocasión, Evaristo Calvo, de Mofa e Befa, asume a dirección de “Criaturas”, mentres que Vicente de Souza, Marcos Orsi e Xoán Carlos Mejuto integran o elenco de Actos que encabeza Belén Constenla. “Criaturas” chega cunha inmellorable tarxeta de presentación ao ter obtido galardóns como o Premio Eixo Atlántico, o Premio Max e o Premios María Casares.
As entradas para asistir á función do venres, 10 de maio no Auditorio, pódense comprar de xeito anticipado a través de www.servinova.com e do teléfono 902 504 500, e o mesmo día da función na billeteira do Auditorio dende as 19:00 horas. A entrada custa 3 euros e a representación comezará ás 21:00 horas.











