Crespo acorda cos veciños das rúas Alcalde Ferreiro e Pintor Colmeiro implantar a zonal azul durante seis meses
O alcalde de Lalín reunise, acompañado polos concelleiros Camilo González Bodaño e María José Batán, cos veciños das ditas rúas nun encontro que se desenvolveu na Casa Consistorial no que os ao redor de corenta veciños asistentes aceptaron de bo grao a proposta lanzada por Crespo de implantar a zona azul de xuño a decembro para ver así o seu funcionamento
Concorrida asistencia na reunión convocada polo alcalde de Lalín, José Crespo, para analizar diversos asuntos relativos ás rúas Alcalde Ferreiro e Pintor Colmeiro e dun xeito particular, decidir ao respecto da zona azul. Un encontro que se desenvolveu na tarde-noite de onte na sala de prensa da Casa Consitorial -deu comezo ás nove da noite e rematou pasadas as dez e cuarto- que, presidida polo rexedor lalinense, participaron ao redor duns corenta veciños das ditas rúas, ademais dos concelleiros de Obras e Servizos Municipais do centro urbano e da periferia, Tráfico e Seguridade Cidadá, Camilo González Bodaño e a edila de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán.
José Crespo iniciou o encontro expoñendo á veciñanza os pros e os contra da implantación da zona azul -máis fluidez e mobilidade de tráfico e como negativo posibilidade de multas se non cumpre coa norma- e dicindo que “na reunión de hoxe tratarase de buscar unha decisión colexiada, pero iso non quere dicir que non poda haber outras reunións a posteriori”.
A continuación o primeiro edil lalinense deu quenda de intervencións aos veciños que quixeron expoñer os seus posicionamentos -a convocatoria trasladouse desde o Concello a todos os veciños das ditas rúas a través da axente notificadora municipal-, a favor e en contra da zona azul, e finalmente acordaron de forma unánime realizar unha votación entre os asistentes que tivo como resultado unha ampla maioría a favor, de ao redor da corentena de veciños -algúns deles pertencentes a unha mesma unidade familiar, polo que computarían cun único voto- rexistráronse 25 votos a favor da implantación da zona azul e 9 en contra.
Crespo indicou que consideraba que dado que hai un posicionamento claro a favor da zona azul -que non se corresponde co punto de partida que criamos de que a maioría dos comerciantes quería zona azul e que os particulares non a querían-, ao decantarse por unha diferencia considerable a favor da súa implantación, propúxolles aos veciños participantes no encontro “colocar a zona azul xa e ao cabo de 6 meses, facer unha nova comunicación a todos os veciños para convocar unha nova reunión antes do Nadal e tomar xa unha decisión final definitiva”. Ao conxunto dos veciños asistentes pareceulle ben a proposta lanzada polo alcalde e ratificárona por unanimidade.
“Deste xeito -explicou Crespo- con esta solución intermedia consensuada cos asistentes trátase de poñer en marcha a zona azul de aquí ata decembro; que puiderades avaliar o seu funcionamento durante este tempo para convocar unha nova reunión a comezos de decembro con todos os propietarios de pisos e de establecementos das ditas rúas para tomar xa unha solución definitiva, se houbese unha maioría clara a favor deixaríase e senón faríase a votación definitiva”.
O alcalde indicou que “durante este prazo de seis meses trátase de ver como está funcionando”. Concretou que “no que resta de mes de maio desde o Concello procederase ao pintado da zona azul; en xuño trátase de poñela xa en funcionamento e de tomar a decisión definitiva a comezos de decembro”.
Unha vez acordada entre Concello e veciños de forma unánime a decisión de implantar a zona azul de forma experimental durante seis meses e, á proposta dos asitentes, analizáronse outras demandas que afectan ás rúas Alcalde Ferreiro e Pintor Colmeiro.
Unha delas foi á referida a variar a colocación dos contedores de lixo na rúa Alcalde Ferreiro por motivos de seguridade viaria -por estar situados ao lado de pasos de peóns-. O alcalde expúxolles aos veciños que o Concello non tiña problema en variar a colocación dos contedores pero o que non podía ser é que ao situalos nunha nova localización protestasen os que os tivesen diante e díxolle a Camilo González Bodaño que estudase a redistribución dos depósitos de lixo. Os veciños presentes amosaron a súa conformidade para variar a súa situación, e pediron ao Concello que se colocasen 2 abaixo da rúa e outros 2 enriba, ademais dun contedor dos amarillos. Crespo indicou que ao haber unanimidade o Concello fará esta redistribución de contedores e encargou ao edil González Bodaño deste cometido.
Por último tamén se acordou, respondendo á petición dun dos veciños, desenvolver uha campaña de desratización por parte dunha empresa especializada, para á que se pediu a colaboración veciñal. Esta campaña -dixo o alcalde- farase nas rúas Alcalde Ferreiro, Pintor Colmeiro, rúa D, rúa Melide e a avenida Monte Faro.