Coruña Futura propón proxectos singulares para cohesionar territorial e socialmente a cidade e potenciar a súa actividade económica

Negreira na exposición do análise do Foro da Cidade
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, acompañado de Alfonso Vegara, presidente da Fundación Metrópole, presentou a nova fase do proxecto Coruña Futura, na que, tras a análise do Foro Cidade, no que participaron 188 persoas, e o diagnóstico técnico, se definiron unhas primeiras propostas de hipótese de modelo urbano e de proxectos estratéxicos. En concreto formúlanse 4 clusters emerxentes e 9 proxectos estratéxicos que será sometido á reflexión e o debate e que se irán perfilando ata conseguir unha versión definitiva do Proxecto Cidade: “Coruña Futura non é un proxecto obrigatorio, non obstante queremos afrontalo porque temos que pensar que queremos facer durante os próximos anos sobre a base das nosas potencialidades. O noso desexo é conseguir que ninguén nos marque noso futuro, senón adiantarnos e decidir cara a onde queremos ir”, explicou o alcalde.
Carlos Negreira subliñou que, a pesar da actual situación económica mundial, A Coruña aposta por falar do futuro e por buscar unha solución á crise: “Trátase de buscar unha serie de proxectos singulares que dean cohesión territorial e social á cidade, localizar clusteres emerxentes e, en definitiva, sacar o mellor da cidade e a área urbana. Coruña Futura agrupa unha serie de actuacións transversais a todo o goberno municipal. Pero é un proxecto común de todos os cidadáns que conta co impulso do concello”, asegurou.
Pola súa banda, Alfonso Vegara destacou que tras a análise de resultados do diagnóstico técnico e do Foro Cidade, se detectaron catro clusters emerxentes e nove proxectos estratéxicos: Agora hai que seleccionar ben, porque serán as prioridades dos próximos anos. Este non é só un proxecto de cidade, tamén da área e de Galicia. Non é un plan estratéxico, é un proxecto onde dialoga territorio e innovación e ofrécense oportunidades e vantaxes competitivas para desenvolver iniciativas en diferentes ámbitos”.
En concreto, formúlase a aposta por 4 clusters emerxentes:
. Marítimo portuario. No que o porto exterior é a principal infraestrutura a partir da que se poden crear importantes alianzas estratéxicas para xerar actividade económica aproveitando a súa situación con respecto ás grandes autoestradas do mar.
. Turismo, calidade de vida e saúde. Tendo en conta que o turismo é un sector en crecemento, propón unir estas tres pezas co fin de potenciar un turismo de calidade e emerxente a nivel internacional, que xerará unha demanda adicional de axencias de viaxes e empresas relacionadas co transporte, a hostalaría ou a gastronomía.
. Solucións urbanas. Trátase de impulsar un rexuvenecemento urbano a través da economía verde co obxectivo de crear solucións urbanas en materia de novas tecnoloxías, eco construcións, transporte sostible, distritos digitales…que situarían a cidade como potencial receptor do importante investimento que se vai producir nos próximos 30 anos nesta materia a nivel mundial (350 trillóns de dólares)
. Industria e contidos dixitais. Aproveitar o cambio que o uso das novas tecnoloxías está a propiciar nas cidades para desenvolver este sector produtivo e xerar oportunidades en pequenas e medianas empresas da área. Apóstase polas Smart Cities.
Ademais, presentáronse 9 proxectos estratéxicos:
. Coruña Verde e Azul. Formúlase unha estratexia ambiental como elemento de articulación metropolitana e de revalorización da oferta territorial de Coruña Futura.
. A cidade tecnoindustrial A Coruña-Arteixo. Propón desenvolver unha estratexia de mellora urbana, recualificación ambiental e creación de chan para actividades económicas ao longo do corredor que conecta ambos os dous municipios, integrando a costa, os espazos rurais, os núcleos urbanos e os polígonos industriais
. Rolda dos barrios. É unha iniciativa de recualificación do eixe urbano da Rolda de Outeiro en aspectos visuais, funcionais e de reorganización da mobilidade.
. Avenida da Saúde. Situada ao longo da marxe esquerda da Ría do Burgo, conecta os principais centros sanitarios da cidade. A recuperación da zona pasaría pola implantación dun clúster da saúde ou a creación dun campus da saúde.
. Avenida da Innovación. Aproveita a accesibilidade de Alfonso Molina para crear unha avenida urbana de alta calidade con capacidade para conectar o distrito da creatividade e o porto urbano, ademais de acoller actividades innovadoras.
. Corazóns de barrio. Desenvolve un programa con iniciativas de acupuntura urbana que equilibren as distintas zonas da cidade e melloren a calidade ambiental e urbana dos barrios.
. Porto urbano. Formúlanse novos usos que axuden a transformar a economía da cidade e aumentar o seu atractivo para cidadáns e turistas.
. Distrito da creatividade. Transformación do centro histórico e o seu ámbito nun espazo de creatividade e deseño para impulsar esta zona como un lugar para a cultura, a tecnoloxía, o coñecemento, a innovación, a arte e o turismo.
. Cidade do coñecemento. Trátase dun espazo que integra a universidade co Parque Ofimático e a Fábrica de Armas para desenvolver espazos atractivos para a implantación de empresas e a atracción e talento e de incubación de actividades innovadoras.
Ao longo da xornada de hoxe e de mañá, a Fundación Metrópole expoñerá estas primeiras propostas tanto aos medios, coma á corporación municipal, coma aos asinantes do protocolo de colaboración, alcalde dos municipaios da área, autoridades e participantes do Foro Cidade. En total, 263 persoas participarán nas seis sesións nas que se dividiu esta nova fase. Decidiuse facelo deste modo para que os participantes se encontren nun ambiente de maior proximidade e facilitar o diálogo. En cada un destes encontros explicaranse os resultados da primeira fase de participación e solicitarase que dean a súa opinión a través dun cuestionario.
Tal e como explicou o alcalde, tras realizar o contraste destas primeiras liñas estratéxicas propostas, comezará un traballo que terá por obxectivo definir as prioridades da Coruña para elaborar un proxecto de cidade: “A previsión é que tras o verán poidamos presentar xa unha serie de proxectos máis detallados e acompañados dunha completa diagnose, financiamento, ademais dos medios e actores necesarios para o seu desenvolvemento”, explicou. Vegara, pola súa banda, avanzou que a posta en marcha de proxectos tan ambiciosos e de tanta entidade precisará da implantación de axencias e alianzas que asuman a responsabilidade de impulsalos, para o que será necesaria a implicación tanto do sector público coma privado.
O alcalde recordou a importancia de desenvolver un proxecto como Coruña Futura: “Neste século XXI haberá cidades con proxecto e outras que non. Grazas a Coruña Futura estaremos mellor preparados e posicionados que outras cidades, o que posibilitará anticiparnos á saída da crise, atraer e manter o talento e que sexamos futuros perceptores deses 21.000 millóns de oportunidades que supoñen os fondos estruturais da Unión Europea 2014-2020. Carlos Negreira destacou a importancia de que A Coruña e a súa área conte cun modelo propio que camiñe con todos os municipios do ámbito para atraer actividade económica; xerar emprego e ofrecer calidade de vida aos seus habitantes; e destacou que por primeira vez se constrúe un proxecto colectivo no que a cidade opina e contribúe a deseñar o futuro da cidade.