Continúan os traballos para o día grande de Corpus en Gondomar a pesar da escaseza de flor
Gondomar prepárase para celebrar a tradicional exposición de alfombras florais con motivo da celebración do Corpus Christi. Dende que hai dúas semanas desen comezo os traballos, distintas agrupacións traballan sen descanso para confeccionar os deseños que cubrirán, outro ano máis, as rúas do Concello.
Como novidade este ano, destacar a volta das parroquias de Chaín, Vincios, Couso, Mañufe e Peitieiros, que se suman aos grupos de traballo de Gondomar.
Ademais da carpa situada na Alameda, os Centros Culturais das parroquias albergan estes días reunións nas que se coordinan as tarefas dos distintos grupos de traballo. Todo iso, co obxectivo de lograr rematar a tempo os mantos florais que servirán de guía para a procesión que terá lugar a mañá do domingo 2 de xuño.
Escaseza de flores
As flores constitúen o elemento fundamental nas composicións destas alfombras que adornarán o municipio o próximo domingo. Neste sentido, veciños de Gondomar manifestan a súa preocupación pola pouca cantidade de flores que están a rexistrar este ano debido ás chuvias. Isto podería levar consigo problemas á hora de confeccionar as alfombras pola falta de cor.
O concelleiro de Cultura, Ignacio Troncoso, insiste en que calquera axuda sería benvida e fai un chamamento a todos aqueles veciños que teñan flores, para que colaboren coas agrupacións “que tan duramente están a traballar estes días para que todos poidamos gozar o domingo das tradicionais alfombras florais do Corpus”.