Continúan as aventuras do “Conto viaxeiro”

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Local ► Santiago de Compostela ▼
A-
A+

Durante este mes de maio estase a desenvolver o programa O conto viaxeiro en diferentes colexios da cidade, entre eles, o Rodríguez Xixirei de Lavacolla, que recibiu a visita das concelleiras de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e de Educación, María Castelao. O programa, destinado a nenos e nenas de 1º e 2º ciclo de educación primaria, desenvolveuse en 10 sesións dunha hora e media cada unha. En cada unha das sesións introdúcense elementos constituíntes do conto- lugares, personaxes, situacións- favorecendo o coñecemento e a reflexión sobre o contorno lingüístico. Así mesmo, os monitores traballan cos grupos para estimular a súa expresividade e creatividade artística.

Todos os materiais que elaboran os nenos e nenas recóllense nun blog onde se vai dando conta do avance da historia e se publican os materiais resultantes. O enderezo electrónico é contoviaxeiro.santiagodecompostela.org

Con este programa os organizadores pretenden contribuír ao achegamento dos rapaces á literatura oral e escrita, estimular a creatividade artística, dinamizar o uso da lingua e promover o desenvolvemento de novas iniciativas educativas e culturais.

O vindeiro 30 de maio o programa chega ao seu fin no centro sociocultural de Santa Marta.

22 de maio de 2013 | 17:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.