Continúa o ciclo de charlas informativas sobre como mellorar a seguridade, promovidas polo concello de Lalín
O centro social de Donramiro acolleu esta tarde unha das charlas informativas promovidas pola Concellería de Benestar, en colaboración directa coa Garda Civil, sobre prevención e mellora da seguridade dirixida principalmente ás persoas maiores e no marco do “Plan Mayor”.
Ao igual que nas xornadas ofrecidas ata o momento en Bendoiro e Vilatuxe, foi Antonio Sánchez, capitán da Garda Civil de Lalín, o encargado de dar esta sesión de carácter informativo. Asistiron unhas trinta persoas entre as que se atopaban as concelleiras de Benestar, Paz Pérez, e de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán, veciña do lugar.
O ciclo de charlas continuará en próximas datas, de acordo co seguinte cronograma: Goiás (10 de maio, 17.00 horas, centro social); Lalín (16 de maio, 17.00 horas, Museo); Cercio (24 de maio, 16.30 horas, pavillón), á que se suma a parroquia de Moneixas (31 de maio, 17.00 horas, centro social).











