Concello e forzas de seguridade colaboran no operativo especial para a “Gala Panorama”
O operativo especial de seguridade e tráfico a desenvolver mañá con motivo da celebración da Gala Panorama contra o Cancro pechouse o martes tras a reunión mantida entre responsables do Concello, forzas de seguridade e a organización do espectáculo. Efectivos dos servizos municipais da Policía Local e Protección Civil e Emerxencias contarán coa colaboración da Policía Nacional e das empresas de seguridade privada contratados pola organización para que o multitudinario evento transcorra con total normalidade e para que as 20.000 persoas que se esperan poidan gozar dun espectáculo case único.
Máis de cen persoas velarán pola seguridade do evento a celebrar mañá pola noite en Fexdega, xa que o Servizo Municipal de Protección Civil e Emerxencias mobilizará a 45 efectivos e a organización aporta 40 vixiantes de seguridade privada. A eles hai que engadir aos axentes da Policía local e Nacional e que reforzan os seus respectivos servizos con motivo do evento.
Despois da experiencia do ano pasado, o operativo deste ano inclúe varias medidas para mellorar a fluidez do acceso do público ao recinto. Por un lado, habilitarase unha segunda entrada e por outro, disporanse 9 tornos, en lugar de 4, para regular de xeito seguro o acceso que estará controlado por un maior número de vixilantes a efectos de axilizar o control. Lémbrase que non se poderá acceder ao recinto con botellas, comida, petardos ou elementos pirotécnicos e outros utensilios ou obxectos que poidan constituír un perigo.
Tamén se separarán as billeteiras para a compra de entradas, para evitar aglomeracións de persoas. En todo caso, recoméndase que as persoas que teñan adquirido a localidade anticipadamente, que a traian xa impresa da casa para evitar facer as colas nas billeteiras.
Posto de socorro, ambulancias e vehículos de extinción
Dados os típicos problemas que se producen nas aglomeracións masivas de persoas, o dispositivo preveu tamén emprazar unha ambulancia en cada unha das entradas ao recinto posterior de Fexdega, por si fora preciso facer algún traslado de emerxencia. Para a realización de primeiros auxilios e atencións de pouca importancia, no interior do recinto habilitarase un Posto de Socorro que se emprazará a un dos lados do escenario. O posto estará atendido por persoal sanitario e dotado de todo tipo de material para a realización de primeiros auxilios, así como de desfibriladores. Tamén se mobilizarán ata o lugar da gala solidaria dous camións de extinción de incendios.
En canto aos aspectos relativos ao tráfico en vista dos milleiros de persoas que acudirán mañá a Vilagarcía procedentes doutros municipios de Galicia e incluso de Asturias, león e norte de Portugal, como xa se fixera o ano pasado, o Servizo de protección Civil e Emerxencias deixará nas cabinas de saída da Autopista planos indicando os accesos e bolsas de aparcamento. Para a ocasión, habilitarase a finca de Ouro (nas inmediacións de Fexdega) para estacionamento de vehículos. Tamén estará dispoñible na zoa do peirao a explanada TIR, onde hai unha reserva de espazo para autobuses, e o estacionamento público do Ramal. Aparte, indícanse outras bolsas para aparcar como a zona de Renfe e a Escardia.
O groso do operativo porase en marcha a partir das sete da tarde, xa que o inicio da gala está previsto para as 23:00 horas e as portas de acceso ao recinto abriranse ás 20:30 horas. Recoméndase as persoas que se despracen dotros municipios, que veñan con antelación suficiente para evitar conxestión de tráfico, aglomeracións e problemas de última hora.
Cartel de luxo con artistas nacionais e internacionais
A Gala Panorama Contra o Cancro, un evento musical dos máis multitudinarios que se celebran en Galicia ao longo de todo o ano e no que, ademais da emblemática orquestra galega, actuarán importantes estrelas da canción, tanto a nivel nacional como internacional. O cartel deste ano fórmano David Bustamante, Mónica Naranjo, Carlos Baute, Cali y el Dandee, Heredeiros da Crus, D Kuba e Efecto Pasillo, Juan Magán, Merche, Pablo Méndez Performances e Manuel Martínez de Medina Azahara.
A orquestra Panorama organiza dende hay anos esta gala solidaria co obxectivo de recadar fondos para a Asociación Española de Lucha contra o Cancro. A recadación pola venta de merchandising e os custes de xestión na venta anticipada serán destinado integramente a este fin.