Comezan as obras de ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta

Inicio das obras
Esta mañá comezaron as obras de ampliación do abastecemento de auga no lugar de Barouta, na parroquia de Ames. Nestes traballos, incluídos no Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña e que leva a cabo a empresa Excavaciones Ovidio, investiranse máis de 50.800 euros.
A través deste proxecto de abastecemento de auga vaise mellorar a calidade do servizo que recibe actualmente o CEIP de Barouta e vaise ampliar o servizo a un gran número de veciños/as deste lugar da parroquia de Ames. O proxecto enmárcase dentro da planificación de abastecemento do Concello, que ten como obxectivo acondicionar as redes secundarias da rede de saneamento e abastecemento municipal. O alcalde de Ames, Santiago Amor, subliña que “con esta actuación mellorarase a rede de saneamento do Concello, ampliando o servizo a vivendas e á comunidade educativa e mellorando a súa calidade”.
As obras que se están acometendo no lugar de Barouta consisten na execución dunha canalización de polietileno de 2.320 metros de lonxitude, conectando o núcleo de Barouta dende a rede existente en Pedrouzos, previa escavación de gabia e posterior recheo compactado.
O obxectivo destes traballos é continuar coa rede de abastecemento municipal nesta zona, para o que se contempla a utilización de 2.320 metros de canalización coa correspondente instalación de valvulería e arquetas de aloxamento. Finalmente, levarase a cabo a reposición do pavimento afectado pola execución das obras, semellante ao existente, así como o entronque á rede existente e probas hidráulicas.