Comeza o procedemento de licitación do servizos das escolas infantís municipais
O Concello de Teo vén de publicar no BOP de hoxe o anuncio de contratación do servizo das escolas infantís municipais de Calo, Os Tilos e A Ramallosa. Trátase dun procedemento que comezou coa aprobación do expediente de contratación no pleno do mes de abril. As empresas teñen de prazo para presentar as súas ofertas ata o 3 de xuño. O procedemento de adxudicación é aberto con multiplicidade de criterios de valoración.
É precisamente nos criterios de valoración das ofertas onde se introduce unha das maiores novidades nesta contratación. Segundo indican dende o Departamento de Benestar, dirixido por Ignacio Iglesias, non se valorará a baixa económica primando a calidade do servizo por riba dun criterio economicista. Nos pregos técnicos da contratación establécese que o maior peso para a adxudicación do servizo será o proxecto de explotación presentado polas empresas, que estará formado polos aspectos pedagóxicos e polos aspectos organizativos. O feito de non ter en conta o criterio económico evitará que as empresas cheguen a baixas case temerarias que logo dificulten a viabilidade da proposta.
O edil de Benestar explica que como vén sendo habitual o persoal que traballa neste momento nas escolas será subrogado para garantir a continuidade na atención ós nenos e nenas. O contrato actual remata a finais de agosto e a nova adxudicataria comezará a traballar a primeiros de setembro, coincidindo co inicio do novo curso 2013/14. En relación co persoal Iglesias tamén destaca que coas prescripcións técnicas que regulan esta contratación tamén se garante unha ratio de atención por neno maior ca media así como persoal de apoio administrativo que non estaba recollido como obrigatorio ata o momento.
Dende o Concello tamén se destaca que o servizo de comedor debe seguir manténdose como un servizo propio de cada centro, con cociña e persoal propio. Deste xeito non se permite a subcontratación deste servizo.
O presuposto de licitación desta contratación é de 405.000 euros por ano. O prazo de execución que se establece é de 3 anos prorrogable por outro ano. Un período de tres anos prorrogable tamén permitirá unha continuidade no servizo que se entende que repercutirá na mellora do servizo evitando cambios cada pouco tempo.