Comeza o curso piloto do proxecto ECONAT

Inauguración do curso
A empresa local Espazo Ensina iniciou hoxe no Centro Antena, en Panxón, un curso piloto dirixido a transferir, difundir e consolidar un modelo de boas prácticas para a xestión da Rede Natura 2000. Este proxecto, denominado ECONAT, enmárcase dentro do Programa de Aprendizaxe Permanente LEONARDO DÁ VINCI, e está promovido e coordinado por Espazo Ensina, en colaboración con cinco socios de diferentes países europeos (Estonia, Bulgaria, Islandia, Romanía e outro socio español).
Este proxecto está encamiñado a analizar e difundir boas prácticas en relación coa xestión sustentable dos Espazos Naturais e a Rede Natura 2000, apoiando a formación e inserción laboral da colectivos diana.
O Proxecto ECONAT, pretende ser un eixo dinamizador ao redor do cal se difunda un modelo de desenvolvemento rural e boas prácticas e unha formación que permitirá a cualificación, profesionalización e acceso ao emprego dos colectivos máis desfavorecidos do medio rural en relación coa xestión sustentable dos Espazos Naturais e a Rede Natura 2000.
O Curso Piloto do proxecto, gratuíto e financiado ao 100% polo Programa de Aprendizaxe Permanente, desenvolverase ao longo desta semana no Centro Antena de Panxón, en colaboración cos concellos de Nigrán, Baiona e Gondomar. Máis información na páxina web www.econat.info, chamando ao teléfono 697 891 872 ou enviando un mail a gestion@espazoensina.com ou formacion@espazoensina.com