Comeza a VI Semana adicada aos Maiores de Ourense cun amplo programa de actividades de lecer, deportivas e culturais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocalOurense
A-
A+

O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, e a concelleira de Benestar Social, Marga Martín asistiron esta mañá ao inicio da sexta edición da Semana adicada aos Maiores, organizada polo Concello, cun amplo programa de actividades de lecer, deportivas e culturais, nas que poderán participar tódalas persoas maiores de 60 anos que o desexen.

O programa dá continuidade ás propostas que se desenvolveron o ano pasado con gran éxito de participación, como o Tai-Chi, o teatro, a actuación de corais e a comida de confraternidade, e incorpora este ano como principal novidade o Cachibol (tódolos días, ás 11:00, no Xardín do Posío) Tamén haberá a tradicional visita turístico-cultural, que terá como destino a Mariña Lucense.

Tódalas actividades son gratuítas, agás a comida de confraterninade, que ten un prezo de 13 euros. A día de hoxe xa se inscribiron 340 persoas para asistir. Os interesados poden apuntarse ata mañá, martes, nas oficinas da Concellería de Benestar Social do Concello de Ourense, na rúa Bispo Carrascosa, número 14, teléfono 988 388171. Abonarán o menú no restaurante o propio xoves.

A día de hoxe xa están completas as prazas nas outras dúas actividades que requerían retirar previamente invitación: as dúas representacións teatrais (800 entradas) e a excursión (200)

As actividades comezaron esta mañá, na Praza Maior, coa presentación da semana e coa primeira demostración de Tai Chi ao aire libre (serán tódolos días ás 10:00 horas no Posío, con aistencia libre), continuando ás 11:30 horas no Xardín do Posío, con cachibol.

Ás 20:30 horas, no Teatro Principal, terá lugar a primeira das dúas representacións da obra teatral “Fuenteovejuna”, polo grupo de teatro da terceira idade de Ourense Aturuxo.

Programa para os vindeiros días

Martes 28 de maio

10:00 horas (Xardín do Posío): Tai Chi ó aire libre. Asistencia libre.

11:30 horas (Xardín do Posío) Cachibol. Asistencia libre

20:30 horas (Teatro Principal): Representación da obra teatral “Fuenteovejuna”, polo grupo Aturuxo.

Mércores 29 de maio

10:00 horas. (Xardín do Posío): Tai Chi ó aire libre. Asistencia libre

11:30 horas (Xardín do Posío) Cachibol. Asistencia libre

20:30 horas. (Paraninfo do IES Otero Pedrayo): Recital de Corais, coa participación de Coral Gaudeamus e Cantareiras de Agarimo. Asistencia libre

Xoves 30 de maio

10:00 horas (Xardín do Posío): Tai Chi ó aire libre. Asistencia libre

11:30 horas (Xardín do Posío) Cachibol. Asistencia libre

14:30 horas (Restaurante “A Carballeira de Santa Cruz”): Comida da VI Semana adicada aos maiores. (Prezo: 13 euros).

16:30 h. (Restaurante “A Carballeira de Santa Cruz”): Baile.

Ás 13:45 horas sairán autobuses de Tras Alameda con destino ao restaurante e con regreso ao rematar a sesión de baile.

Venres 31 de maio

8:30 horas (Saída dende Tras Alameda): Visita turístico cultural pola Mariña Lucense.

10:00 horas (Xardín do Posío): Tai Chi ó aire libre. Asistencia libre

11:30 horas (Xardín do Posío Cachibol. Asistencia libre

869 participantes en 18 cursos e obradoiros

A Semana dos Maiores ven ser o colofón do programa de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia que desenvolve a Concellería de Benestar Social ao longo de todo o ano, ofertando ás persoas maiores de 60 anos residentes na cidade, numerosas propostas de actividades saudables, culturais, formativas e de lecer.

Concretamente, no curso 2012/2013 desenvólvense 18 cursos e obradoiros, cun total de 869 prazas cubertas, repartidas en 39 grupos: 10 de Informática (5 no nivel de Iniciación, 3 de Perfeccionamento e 2 Avanzado), 3 de Pintura, 2 de Manualidades, 1 de Música, 1 de Teatro, 1 de Actividade física e memoria, 2 de Risoterapia, 4 de Estimulación da memoria, 1 de Animación á Lectura, 1 de Habilidades Sociais, 2 de Tai-Chi. 2 de Pilates, 4 de Ximnasia, 2 de Natación (1 no nivel de Iniciación e outro en Perfeccionamento) e 1 de Cachibol.

Os participantes son, en total, 652 persoas diferentes, que asisten a un máximo de 3 actividades cada unha, con predominio das mulleres (491) fronte aos homes (161).

27 de maio de 2013 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.