publicidade hoxe

Clausúranse os obradoiros do Urbana Santiago Norte no Albergue de Xoán XXIII con grande éxito de participación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalSantiago de Compostela
A-
A+
A concelleira posou cos participantes trala entrega dos diplomas

A concelleira cos participantes trala entrega dos diplomas

A concelleira de Benestar Social, María Castelao, participou no acto de clausura dos obradoiros organizados polo equipo de dinamización social do programa Urbana Santiago Norte no Albergue Xoán XXIII. A edila fixo entrega aos participantes dos correspondentes certificados de asistencia. O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-Servizos Sociais iniciou unha serie de obradoiros no Centro Comunitario Xoán XXIII durante os meses de abril e maio. Esta iniciativa, encadrada dentro do Programa de Competencia Social e Crecemento Persoal, consiste na posta en marcha de varias sesións formativas con temáticas diferentes. Así, unha das propostas foi a elaboración de pratos de cociña económicos, e os outros dous cursos centráronse na informática e nas manualidades.

Este tipo de actividade facilita ás persoas participantes, ademais dos contidos específicos do obradoiro de cociña, a adquisición de hábitos sociais e saudables (puntualidade, responsabilidade, convivencia, etc). O curso de informática tamén foi moi demandado: dez alumnos e alumnas recibiron unha formación práctica nas ferramentas informáticas principais: sistema operativo, procesadores de texto, xestión do correo electrónico, etc. Os contidos do obradoiro responden ás demandas concretas dos participantes, que ven imprescindible hoxe en día introducirse no mundo da informática. As principais inquietudes están vinculadas á busca de emprego e o ocio.
O curso de manualidades creativas fíxose coa finalidade de que os alumnos puidesen vender despois os obxectos que realizaron no taller.

A concelleira desexoulles sorte na busca de emprego e manifestou a súa vontade de seguir traballando en iniciativas deste tipo, que os participantes valoraron moi positivamente tanto polo oportunidade que supuxo para seguir formándose como polo feito de adquirir novas habilidades. Tamén salientaron a boa dinámica de grupo que se xerou e o bo ambiente no que se desenvolveron os cursos.

Preténdese que o elemento lúdico destas actividades motive aos e ás participantes á implicación en accións ocupacionais, fomentando hábitos de vida saudable e ofrecendo alternativas de ocio positivas e enriquecedoras.Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

31 de maio de 2013 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.