Clausura do Programa de Envellecemento Activo

Participantes no Programa de Envellecemento Activo
O programa de “Envellecemento Activo 2012-2013” que estivo levando a cabo o departamento de Servizos Sociais do Concello de Cabanas e que foi financiado pola Deputación da Coruña clausurouse na xornada de hoxe. A Escola Laica foi o lugar onde se desenvolveu este programa durante este curso, e alí foi onde se puxo punto e final ó mesmo. Nesta última xornada procedeuse a facer unha avaliación do traballo realizado durante todo o curso así como unha recopilación de fotos históricas do Concello de Cabanas.
Nesta ocasión o programa tivo dúas liñas de actuación. A primeira delas centrouse na saúde e calidade de vida, coa incorporación dun obradoiro de prevención do deterioro mental, realización de xogos individuais e de grupo para potenciar a memoria auditiva, visual e mental a través de recoñecementos de símbolos, sinais, siglas, manexo de moedas e tarefas necesarias para a vida cotiá. Tamén nesta liña leváronse a cabo cursos de informática.
A segunda das liñas de actuación tivo que ver coa creación dun proxecto de convivencia interxeracional, a través da Escola de Avós e Avoas, que se levou a cabo en coordinación e colaboración co C.E.I.P. Eladia Mariño co obxecto de trasladar ó colexio a ensinanza e transmisión do legado cultural, coa realización de hortas e mediante xogos tradicionais, así como actividades de adaptación dos maiores ós cambios.
Este programa, que acadou con esta a súa quinta edición, logrou consolidar un grupo que fixo posible a incorporación de novas actividades. Buscase mediante o mesmo promover a participación activa dos maiores, con especial interese na relación intraxeracional e interxeneracional. Desta forma o que se tenta é potenciar a participación, non so coma consumidores de coñecementos culturais, senón tamén coma creadores e recuperadores da cultura do seu propio entorno.