Cine escolar solidario para axudar a Yéssica Martínez

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalMos
A-
A+

A concelleira de Educación mosense, Kely Monzón, informou hoxe da iniciativa solidaria emprendida polos colexios mosenses CEIP Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda e CEIP Atín-Cela. Trátase dunha proxección de cine escolar durante a que se visionarán tres curtametraxes realizadas polos alumnos e alumnas de Educación Primaria dos mencionados centros.

O evento cinematográfico terá lugar mañá, venres 31 de maio, ás 18.30 horas no auditorio do centro Multiusos das Pozas, na parroquia de Petelos. A entrada para asistir como espectador a esta proxección solidaria ten un custe dun euro por persoa, importe que será íntegramente destinado para colaborar á procura dunha diagnose médica para Yessica Martínez Romero.

Os títulos que se proxectarán mañá a partir das 18.30 horas no Multiusos serán ‘Marchamos e a terra levamos’, realizada con motivo do 150 aniversario de ‘Cantares Gallegos’ de Rosalía de Castro e protagonizada polos alumnos e alumnas de terceiro curso de Primaria do CEIP Mestre Valverde Maio; ‘O ritmo da miña vida’, curtametraxe elaborada polos estudiantes de terceiro ciclo, tamén do CEIP Mestre Valverde Maio, sobre a vida dun neno moi especial; e ‘O estrano caso dos libros de galego’, unha aventura de Rober Zas, detective profesional, protagonizada polo alumnado de sexto de Primaria do CEIP Atín-Cela.

30 de maio de 2013 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.