publicidade hoxe

CIM e Escola Galega de Saúde para cidadáns forman mañá a 30 veciñas en materia de primeiros auxilios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOrtigueira
A-
A+

O CIM de Ortigueira, dependente da Concellaría de Benestar Social, programa mañá martes en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns del Sergas, a primeira entrega da presente edición do ciclo “Muller e saúde”. Trátase dun taller de primeiros auxilios que espertou un sobresaínte interese entre os veciños/as.

A actividade desenvolverase entre as 16:30 e as 20:30 horas no Centro de Participación Social de Ortigueira (Antigo hospital de San Roque) e estará impartido por un experto formador do Servizo Galego de Saúde.

Da man do doutor Fernando Souto Mata, médico base de Ferrol, as 30 participantes familiarizaranse coas nocións básicos acerca do manexo de situacións que requiran unha actuación de urxencia básica.

Durante a sesión, comentarase, a xeito de exemplo, como ha de actuarse en casos de convulsións ou crises epilépticas, ante dificultades respiratorias, dor torácica, perdas do coñecemento, traumatismos, reaccións alérxicas ou picaduras, ademais de aprender a realizar unha reanimación cardiopulmonar básica.

Foi tal a demanda deste taller, no que se facilitará aos asistentes o correspondente diploma acreditativo, que o CIM dispón xa dunha lista de espera con outras 25 persoas interesadas. Por iso, o servizo municipal ortegano, que atende tamén a veciñas de Cariño e Mañón, en virtude dun convenio de cooperación intermunicipal, se dirixiu xa á Escola Galega de Saúde para Cidadáns para valorar a posibilidade de repetir a acción formativa despois do verán.

O ciclo “Muller e Saúde” terá continuidade o próximo 31 de maio cun taller sobre menopausa e enfermidades específicas das mulleres e, finalmente, o 11 de xuño, cunha charla sobre “Lactación e embarazo”.

20 de maio de 2013 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.