Cid reúnese cos representantes do comercio para realizar un seguimento das accións de dinamización comercial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal
A-
A+

A tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, mantivo esta tarde unha reunión con todos os representantes das zonas comerciais da cidade para realizar un seguimento tanto das accións de dinamización comercial que están en marcha como dos convenios nominativos, aos que o goberno local destina 125.000 euros para levar a cabo determinadas accións destinadas ao impulso do comercio tradicional e ao fomento do asociacionismo.

Ademais de repasar as accións do primeiro semestre, moitas das cales xa se realizaron, durante o transcurso da reunión tratáronse as campañas comerciais de San Juan, Outono-Inverno e Nadal. O concurso de escaparatismo que se levará a cabo para as próximas tempadas, a decoración de establecementos baleiros e o concurso de ideas para a organización do Coruña Wapa son outras das cuestións que se trataron na reunión desta tarde. Dende a Concellaría de Comercio tamén se informou sobre un estudo que se levará a cabo sobre os comercios con encanto da cidade e a elaboración dun plano comercial destinado aos turistas, unha vella demanda dos comerciantes.

A reunión de hoxe forma parte dos encontros periódicos que o Goberno local mantén con todas as asociacións da cidade co obxectivo de reforzar o diálogo cos representantes do pequeno comercio, manténdoos informados das diferentes campañas e actuacións que se levan a cabo. Estes encontros consolidan a aposta do Executivo local por intentar consensuar as diferentes actuacións de promoción e dinamización que se levan a cabo para incentivar e impulsar o tecido comercial da Coruña, ademais de escoitar todas as propostas, melloras e suxestións por parte do sector.

Este encontro é unha reunión preparatoria á reunión extraordinaria da Mesa de Comercio local que se celebra mañá cun único punto na orde do día sobre a valoración dos proxectos presentados polas asociacións e federacións de Comercio á Consellería de Industria.

20 de maio de 2013 | 21:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.