Charla-coloquio “Educación viaria como medio de prevención de accidentes de tráfico na infancia”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

A coordinadora provincial de Educación Viaria da DGT, Dosinda Aguiar Rodríguez, impartiu a charla-coloquio ‘Educación viaria como medio de prevención de accidentes de tráfico na infancia’ a vinte e tres voluntarios/as de Cruz Vermella Monterrei e Conso-Frieiras, e Cruz Vermelha de Chaves.

Na mesma, que é a primeira realizada conxuntamente para este colectivo -xa se realizara unha para os efectivos de Protección Civil de Verín e Chaves-  amosouse o concepto de educación viaria coma estratexia de prevención de accidentes na infancia,  no seu comportamento como peón ou ocupante dun vehículo; así como a implicación dos proxenitores no desenvolvemento dunha capacidade formativa neste ámbito de prevención de accidentes entre os/as menores. Os/As participantes, que  recibiron material formativo sobre devanditas cuestións, realizaron unha valoración moi positiva da actividade.

O ‘Proxecto de Educación e Seguridade Viaria da Eurocidade Chaves-Verín’ ten coma obxecto servir de laboratorio de boas prácticas para outras zonas fronteirizas da Comunidade Europea, así como unir esforzos, intercambiar experiencias e dar maior solidez á cooperación transfronteiriza existente, fomentando a realización de controis de seguridade conxuntos entre as forzas e corpos de seguridade lusos e españois, e sensibilizar aos cidadáns das actitudes e coñecementos idóneos para reducir o número de accidentes de tráfico nunha zona transfronteiriza habitada por máis de 60.000 persoas.

Devandito proxecto, nacido no ano 2009 e motivado pola adhesión á Carta Europea de Seguridade Viaria, conseguiu un dos galardóns dos ‘Premios de Excelencia en Seguridade Viaria’, entregados pola Comisión Europea aos seis compromisos máis destacados de 2010 na Carta Europea da Seguridade Viaria. A adhesión á Carta Europea de Seguridade Viaria permite desenvolver accións concretas, entre os municipios de Chaves e Verín, no ámbito da educación e seguridade viaria como son: realización de charlas-coloquios dirixidos a grupos de risco -alumnos/as de centros educativos, embarazadas, 3ª Idade e persoas con discapacidade ou mobilidade reducida-, desenvolvemento de campañas de seguridade viaria destinadas a reducir os accidentes de tráfico, eliminación de barreiras arquitectónicas, promoción de cursos de educación viaria anuais co obxectivo de indicar cal debe ser o comportamento como peón, pasaxeiro e condutor; mantemento e reposición de sinais de tráfico ou reforzo do traballo das forzas e corpos de seguridade na regulación e ordenación do tráfico, e repetición da ‘Semana da Seguridade e Educación Viaria’, destinada a concienciar aos menores e adultos da importancia de adquirir boas prácticas e previr os accidentes na estrada.

29 de maio de 2013 | 11:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.