publicidade hoxe

Cervo é o primeiro Concello da Mariña en ofrecer novos trámites con Tráfico nas oficinas municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLocalLocal Portada
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a Xefa Provincial de Tráfico, Paula Yubero, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para facilitar e facer máis accesibles algúns dos trámites que os cidadáns teñen que realizar co departamento de Tráfico. Un acto no que tamén estivo presente o edil de Seguridade Cidadá, José Ramón Soto.

En concreto, a través deste convenio faise posible que os cervenses poidan realizar nas oficinas municipais o cambio de domicilio nos permisos de circulación e de condución. Unha xestión que ata o de agora tiñan que facer nas dependencias da Xefatura Provincial de Tráfico situada en Lugo. Deste xeito, xa non será necesario desprazarse ata a capital da provincia para efectuar estas xestións e será tan sinxelo como achegarse ata a Oficina Municipal do Padrón situada na Casa do Concello.

Cervo é o primeiro concello da Mariña e o cuarto da provincia de Lugo en adherirse a este convenio impulsado pola Xefatura Central de Tráfico e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para facilitar e axilizar estes trámites. O rexedor destacou a importancia desta iniciativa como “unha medida para achegar a administración aos cidadáns, que toma especial relevancia no caso de municipios como o noso tendo en conta a distancia que existe ata Lugo”. Villares asegura tamén que esta medida beneficia á propia administración e ao seu funcionamento interno xa que a través do novo sistema “será máis doado e rápido manter actualizadas as bases de datos”.

Cabe lembrar que este servizo estará activo a partir do luns tanto para aquelas persoas que se vaian empadroar en Cervo como para aquelas que xa están empadroadas pero que aínda non efectuaron o cambio de domicilio dos permisos de circulación e condución. É destacable tamén que Tráfico ten dous rexistros diferentes para os vehículos e para os condutores, polo que cando se realiza un cambio de domicilio nun dos rexistros os datos non quedan actualizados no outro, de forma que é necesario modificar os dous.

14 de maio de 2013 | 10:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.