publicidade hoxe

Centos de persoas participarán na exaltación do cabalo o próximo domingo en Abegondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoCalendarioLocal
A-
A+

O campo da feira de San Marcos de Abegondo vivirá o próximo domingo, 12 de maio, unha grande exaltación do cabalo. Centos de
afeccionados ao mundo equino e veciños da bisbarra, dado que se celebra en paralelo a feira tradicional do segundo domingo de mes, acudirán a Abegondo durante toda a xornada para contemplar exemplares de todo tipo e gozar da gastronomía e a música.

A Festa Cabalar e a feira tradicional non serán as únicas que se celebren este mesmo domingo. Os abegondeses vivirán o seu particular festa andaluz con produtos típicos da comunidade, onde o cabalo ten un papel de tanta importancia, e moito baile.

O programa de concursos previsto polo Concello comezará xa pola mañá. A partir das 11.00 horas terá lugar o concurso de salto. Ás 13.00 horas chegará o concurso de carruaxes e ás 16.00 horas, o de doma.

Nos concursos haberá premios para os primeiros cinco clasificados. Tamén se concederán premios especiais para o mellor conxunto de cabalo e xinete e para o mellor carruaxe. O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, será o encargado de entregar os premios, a partir das 18.00 horas.

A actuación musical do grupo rociero “Agarimos do sur” desenvolverase a partir das 12.30 horas. Entre os diferentes postos que asistirán ao evento destaca o servizo de bar con produtos típicos e unha pulpeira.

Pola tarde, os bos afeccionados ao cabalo poderán gozar das exhibicións de salto e de doma libre e do paseo das carruaxes que virán de toda a bisbarra e que permanecerán no recinto todo o día. O goberno local de Abegondo espera unha grande afluencia de público ao longo do día a San Marcos, tanto pola feira tradicional, coma pola festa do cabalo e a celebración andaluza. O Concello entende que será unha xornada propicia para asistir a San Marcos en familia e gozar especialmente dos cabalos.

9 de maio de 2013 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.