publicidade hoxe

Catorce cursos formativos na aula CeMIT de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalVerín
A-
A+

Durante o vindeiro mes de xuño a aula Multimedia do Concello de Verín ofertará catorce novos cursos formativos para os/as usuarios/as interesados en ampliar os seus coñecementos no sector da comunicación e novas tecnoloxías.

Os cursos que terán lugar son: iniciación á informática, procura de información na Internet, correo electrónico, ferramenta na nube, redes sociais (Facebook, Twitter), DNI-e e certificados electrónicos, administración electrónica, opera co teu banco, o catastro e o sixpac, compras seguras, creando as nosas presentacións (Impress), folla de cálculo, escribindo documentos (procesador de textos) e seguridade informática. Os mesmos serven de continuación aos outros corenta e tres impartidos durante os primeiros cinco meses do ano, que foron de iniciación á informática, procura de información na Internet, Skype-Comunicación en tempo real, retoque fotográfico (GIMP), creación de blogs, busca de emprego en Internet, elabora o teu currículum vitae ou crear catálogos de produtos en liña (ISSU), entre outros.

Por outra banda, a aula CeMIT tamén pon a disposición dos/as verinenses, de modo gratuíto, a posibilidade de participar nos seminarios ofertados polo CNTG (Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia), un centro referente tecnolóxico en Galicia. Os mesmos se impartirán a través dun sistema de videoconferencia, instalado na propia aula, para evitar que os/as interesados/as non se teñan que desprazar ata Santiago de Compostela. O primeiro deles será o de ‘Virtualización e alta dispoñibilidade en Linux’ o 23 de maio, de 9.30 a 13.30 horas, e o seguinte ‘Creación de xogos’ o vindeiro 4 de xuño, no horario anterior.

 Todas as persoas interesadas en participar nestes cursos e seminarios deben realizar a súa inscrición na Biblioteca Pública Municipal de Verín ou tamén na web da Rede CeMIT. Para máis información dirixirse a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Verín, situada na Avenida de Portugal, nº 11, no teléfono 988-414776 ou nos correos electrónicos: dinamizacion@verin.net ou cemit.verin@xunta.es

21 de maio de 2013 | 11:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.