Castrelo de Miño consolídase como a sede ideal para a organización de eventos e competicións deportivas
Tras anos de promoción, de dar a coñecer a ubicación e as potencialidades do noso concello, e de realizar melloras nas instalacións do parque náutico, coa dotación de todo o necesario para a organización dos máis diversos eventos, o concello de Castrelo de Miño comeza a recoller os froitos deste intenso traballo, e prepárase para recibir a nove eventos en nove fins de semana consecutivos desde o 28 de Abril ao 30 de Xuño.
Castrelo de Miño é o mar de Ourense, o encoro é o lugar ideal para a práctica de actividades náuticas, pero desde o Concello tamén se diversifica a oferta deportiva para aproveitar ao máximo as instalacións construídas.
Probas de ciclismo de montaña, de triatlón, de natación, de cross, de marcha a pé, concentración de coches clásicos e exposición de coches tuning, campionatos internacionais de remo olímpico, carreiras de coches e campionato de ciclismo de carretera, grandes feiras e mercados….
1. A primeira das actividades tivo lugar o pasado domingo 28 de Abril, onde coincidindo coa Feira mensual, se organizou un gran acto lúdico e reivindicativo en defensa do ensino público de calidade, a que asistiron centos de persoas de toda Galicia que ateigaron o parque náutico coas máis de 3000 barquiñas de papel.
A feira de cada último domingo de mes xa é un evento consolidado ao que asisten máis de 100 postos de comerciantes con todo tipo de Produtos (roupa, calzado, libros, musica, pan e doces, froitas e hortalizas, sementes e viveiros, charcuteria, produtos de alimentación, produtos para a horta, a viña, e a adega…), organízase cada mes un festival gastronómico cuberto para máis de 500 comensais, e hai máis de 25 postos de produtos naturais e artesanais de Castrelo de Miño, onde os propios veciños de Castrelo de Miño comercializan os seus excedentes de producción e consiguen uns ingresos adicionais.
2. O domingo 5 de maio celebrarase a “Transgalaica 2013” Unha proba de BTT Marathon, de
bicicletas de montaña, que organiza Team Relay e Run O4, e a Federacion Galega de Ciclismo.
3. O domingo 12 de maio voltará de novo a Castrelo de Miño a mellor proba de triatlón de toda a provincia de Ourense, o Aviamán 2013, Campionato Galego de media distancia e Copa Deputación de Triatlón. 1900 m de natación no encoro de Castrelo de Mño – 90 Km de ciclismo – e 21 Km de carreira a pé. E por primeira vez desde a súa organización con saída e chegada no Parque Náutico.
4. O venres 17 de maio, festivo do día das letras galegas, a Cruz Vermella do Ribeiro organiza a súa III Andaina Solidaria. Andaríns de toda a provincia chegarán ata Castrelo de Miño realizar un percorrido polos pistas forestais de Castrelo de Miño, con excelentes vistas ao encoro e ao río Miño.
5. O domingo 26 de maio, e coincidindo coa Feira de Castrelo, que ten lugar todos os ultimos domingos de cada mes, realizarase a I Xuntanza de Tuning e coches clásicos de Castrelo de Miño.
6. E sendo Castrelo de Miño, un dos tres únicos lugares do estado que dispón dunha pista olímpica de remo, abre este ano a temporada de remo cunha importante proba internacional, que se celebrará ao longo de 3 dias, 7, 8, 9 de xuño, a Copa Ibérica de Remo Olímpico, e que achegará a Castrelo de Miño, deportistas e visitantes de España e Portugal.
7. O sábado 15 de xuño, de novo o Rallie de Ourense voltaŕa a pasar polas estradas de Castrelo de Miño. Un dos eventos automobilisticos máis importantes de Galicia, que máis aficionados move, e que volta a pasar polo noso concello.
8. O domingo 16 de xuño, e por primeira vez na súa historia, Castrelo de Miño será punto de saída e meta dun importantísimo evento de ciclismo de estrada, O Campionato de Ciclismo da Península Ibérica 2013.
9. O domingo 30 de xuño, a que todos os visitantes describen como a mellor Feira de todo o ano, e que desta volta contará coa participación da Cruz Vermella que organizará diversos talleres e demostracións. Contarase coa presencia de persoal sanitario e voluntario con formación sanitaria que realizaran talleres para aprender a realizar a Reanimación Cardiopulmonar (RCP). Contaremos tamén coa presenza dunha ambulancia e explicación do seu funcionamento e do transporte sanitario urxente. A todos os visitantes que o desexen realizaráselles medicións da Tensión Arterial e da Glucosa. Haberá tamén un reparto de folletos de prevención de accidentes domésticos , de prevención de enfermidades de transmisión sexual e prevención de como coidarse ante as altas temperaturas da época estival.
Coa experiencia acumulada nestes últimos anos, co bo facer en todos os eventos e coa inestimable colaboración da agrupación de voluntarios de protección civil, Castrelo de Miño demostra que ten todo o que se precisa para a organización de eventos do máximo nivel.