Carlos Callón analizará en Monforte como falar e escribir en galego correctamente
Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, presentará o próximo 31 de maio na Casa da Cultura de Monforte o seu libro “Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez”.
O acto, aberto ó público e que dará comezo ás 20:15h, é a última proposta encadrada dentro do marco de actividades programadas polo Concello con motivo das Letras Galegas 2013. Callón ofrecerá unha conferencia na cal falará dun libro útil para tódolos interesados na nosa lingua, tanto para aqueles que son principiantes en materia lingüística como para os que buscan perfeccionar o seu uso.
“Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez” ofrece ó lector, dun xeito desenfadado e anecdótico, unha serie de consellos prácticos cos cales mellorar o uso do noso idioma e acabar cos prexuízos sociais que rodean a lingua galega.
A conferencia de Carlos Callón pecha o ciclo de actividades celebradas co gallo das Letras Galegas 2013, as cales comezaron a principios de maio e englobaron propostas como o Correlingua 2013, o Espectáculo Poético Musical de Xoán Eiriz, a xornada sobre Letras e Viño, o tradicional Festival das Letras ou a representación teatral de “Animaliños” a cargo da Aula Municipal de Teatro.