Carlos Blanco encherá a Casa da Cultura da Laracha
O coñecido actor arousano Carlos Blanco abrirá este venres a partir das 22.00 horas o I Festival do Humor da Laracha co seu monólogo titulado Teño días, no que repasa a actualidade galega e foránea baixo unha perspectiva humorística e con certas doses de improvisación.
O éxito de público está, de antemán, absolutamente garantido xa que o Concello da Laracha esgotou en poucos días todas as entradas que se puxeron á venda para asistir ao espectáculo.
O I Festival da Laracha contará con outras tres destacadas actuacións durante o mes de maio, cos shows a cargo de Luis Zahera (día 10), Quico Cadaval (día 24) e Sergio Pazos (día 31). Nestes casos as entradas continúan á venda e pódense adquirir no Concello da Laracha a un prezo de cinco euros por cada actuación.