Campamentos deportivos no Concello de Boiro
O Concello de Boiro participará, un ano máis, na campaña de “Campamentos Deportivos” que promove a Deputación da Coruña.
Esta actividade está destinada a rapaces e rapazas residentes no Concello de Boiro que naceron nos anos 1999, 2000, 2001, 2002 e 2003 e desenvolveranse no Centro Calvo Sotelo de A Coruña do 7 ao 13 de xullo.
Despois da solicitude de inclusión no citado programa, a Deputación da Coruña outorgoulle ao Concello de Boiro un total de 11 prazas, que se distribuirán entre os inscritos mediante un sorteo público que se celebrará nas dependencias municipais o 20 de maio ás 12:00 h.
O custo por participar nestes campamentos é de 85 Euros, que inclúe:
– Estadía e manutención na residencia.
– Todos os gastos que ocasionen as actividades programadas.
– Non se inclúe o desprazamento de ida/volta dos participantes, que se realizará por conta propia.
Os participantes poderán disfrutar das seguintes actividades:
– Actividades deportivas preferentes: equitación, paseos a cabalo, multiaventura, kaiaks, orientación, piragüismo, paseos en barco, tenis, volei praia, fútbol 7, baloncesto, volei, batuka, capoeira e hipp-hop.
– Veladas nocturnas: actividades e xogos que teñen elementos que fomentan a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demáis.
– Actividades culturais: visita aos centros de interese cultural da comarca e na cidade da Coruña.
A incorporación ao campamento será o domingo 7 de xullo pola tarde, arredor das 17:00 h. e, o regreso, o sábado 13 despois do almorzo e da xornada de clausura.
O prazo de inscrición estará aberto ata o xoves 16 de maio (incluído), e os interesados poden dirixirse ao Departamento de Deportes, na Casa da Cultura “Ramón Martínez López”, no parque da Cachada, ou ben a través do correo electrónico (deportes@boiro.org) ou do teléfono 981848425.