Cambio de datas do período de cobramento das taxas de vados no Carballiño
O concello do Carballiño informa dun cambio de datas no período de cobramento das taxas de vados, que será dende o 3 de xuño ao 5 de agosto de 2013. Tras o informe emitido polo departamento de tesouraría do concello do Carballiño, e co conseguinte informe da Policía Local onde se establecían as novas categorías das rúas do municipio para a catalogación dos vados, acordouse modificar as datas para o cobramento desta taxa municipal. En anteriores exercicios o período de cobramento era do 2 de maio ao 2 de xullo, pero tívose que atrasar polas novas catalogacións dos vados e os seus prezos dependendo de situación, superficie e outras.
A nova ordenanza municipal establece distintas zonas dentro do municipio, e dentro desta distínguense os vados pola súa superficie, quedando finalmente as seguintes categorías por este concepto:
-Inmoble comercial e industrial
-garaxe particular máximo 25 metros cadrados
-unifamiliar
-Por metros cadrados: dende os 25,01 aos 1.300, metros cadrados.
Por localización xeográfica os vados quedan divididos en chan urbano, e área industrial
Por características propias da rúa, quedando dividido da seguinte forma: Calzada con beirarrúas ou beiravía calzada con beiravía, calzada sen beirarrúa. E finalmente establécese tamén unha división por densidade de aparcadoiro, alto, medio ou baixo.
No núcleo rural non se concederán vados, salvo a expresa petición do interesado, e sempre con informe da Policía Local, que será vinculante.